Saturday 22 January 2011

Emotivo recordo da Facultade de Ciencias á profesora Sonia García



“Sonia era daquelas persoas polas que un sinte respecto e admiración”. Así definen e lembran na Facultade de Ciencias de Ourense á profesora Mercedes Sonia García Falcón, falecida o pasado mes de novembro despois de cinco ano loitando contra un cancro. Arredor de medio cento de profesores, investigadores, alumnado e persoal do centro se reuniron este mércores na entrada do Edificio Politécnico para lembrala e renderlle homenaxe. 

Os seus compañeiros e amigos nos anos nos que exerceu de profesora no campus de Ourense quixeron facer unha lembranza de Sonia García cunha emotiva carta na que deixan constancia da súa traxectoria profesional e sobre todo da súa calidade como persoa. Destacan que “Sonia era alegre, xovial, narradora inagotable de anécdotas e historias porque transmitir era innato nela. Aqueles que traballamos con ela, cóbado con cóbado, notamos a súa grande ausencia a pesares dos marabillosos recordos que gardamos dela”. 

Sonia García era licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela (1992) e doutorada na mesma universidade, recibindo os premios de Investigación Juan Abelló (1997) e Dolores Trigo (1997) como recoñecemento ao seu traballo como investigadora moza. A finais de 1999 integrouse no grupo de investigación da Área de Nutrición e Bromatoloxía da Facultade de Ciencias de Ourense, onde compaxinou ata o seu falecemento tarefas docentes e investigadoras. 

“A súa capacidade de loita contra o cancro durante estes cinco anos foi a súa grande ensinanza” salientan os seus compañeiros. “Para Sonia, transmitir, investigar e gozar da vida, xa fose dentro e fóra do laboratorio, era moi importante” e por elo, salientan os seus compañeiros, a pesares da enfermidade continuou desprazándose cada día de Lugo a Ourense para investigar e dar clase. 

Con esta emotiva carta e reunión no edificio no que desenvolveu a súa vida profesional, os compañeiros de Sonia García, entre os que se atopaba Mª Victoria Jato, vicerreitora de Investigación e Transferencia, e Pedro Araújo, decano da Facultade de Ciencias, quixeron render unha última e emotiva homenaxe a esta profesora.

DUVI