Do 18 ao 20 de xullo Ourense acollerá unha cita de referencia internacional científica. Trátase do 2nd International Congress on Analytical Proteomics, que reunirá a máis de 230 investigadores de 35 países no Hotel Balneario Laias Caldaria de Cenlle. Durante tres días de traballo, algúns dos máis destacados especialistas neste eido exporán e analizarán os últimos avances en proteómica, o estudo a gran escala da estrutura e función das proteínas, fundamental para o avance no coñecemento de moitas enfermidades.
O congreso internacional está organizado pola Asociación Científica Proteomass e a revista JIOMICS (Journal of Integrated OMICS) en colaboración coa Facultade de Ciencias de Ourense, a Universidade de Vigo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Coa súa celebración Ourente toma o releva á cidade lusa de Caparica, que acolleu a celebración da primeira edición desta iniciativa.
Os profesores José Luis Capelo e Carlos Lodeiro, directores do grupo Bioscope e presidentes do comité organizador do 2nd International Congress on Analytical Proteomics, salientan que a finalidade desta iniciativa é “xuntar ás comunidades científicas da proteómica e da química analítica cun obxectivo común: desenvolver novos tratamentos de mostra robustos, reproducibles e rápidos que cubran todas as áreas da proteómica e dean resposta ás necesidades dos científicos que traballan nesta ciencia”.
Sinerxías científicas e económicas
Para avanzar nesta tarefa daranse cita en Ourense arredor de 230 investigadores de 35 países. De España participarán investigadores de centros de investigación, hospitais e universidades de numerosos puntos da xeografía, como son Madrid, Valencia, Barcelona, Córdoba, Huelva, Murcia e Extremadura. Tamén haberá unha forte presenza de investigadores europeos, de países como Portugal, Italia, Francia, Alemaña, Reino Unido, Bélxica e Irlanda. Alén das fronteiras comunitarias achegaranse a Ourense expertos de numerosos lugares, como Australia, Irán, Estados Unidos, Canadá, China, Brasil, Venezuela, Xapón e Tailandia.
Procedencias moi diferentes que contribuirán ao intercambio de coñecementos e o establecemento de sinerxías de colaboración entre investigadores e centros. Entre o amplo programa científico que se desenvolverá, os asistentes terán a oportunidade de escoitar as conferencias plenarias a cargo de Marco Aurelio Zezzi, da Universidade Estadual de Campinas (Brasil); Concha Gil, da Universidad Complutense de Madrid; John Solaro, da University Illinois at Chicago College of Medicine; Juan J. Calvete, do Instituto de Biomedicina de Valencia; Juan Pablo Albar, do Centro Nacional de Biotecnología; Wei Ning Chen, da Nanyang Technological University de Singapur; e Ola Söderberg, da Uppsala University de Suecia.
“O primeiro congreso tivo unha excelente aceptación entre a comunidade científica e agardamos ter a mesma resposta nesta segunda edición en Ourense”, salienta José Luis Capelo. Alén do valor científico desta cita, os organizadores destacan a especial satisfacción que supón para o equipo que leva meses traballando na súa organización ver como a Universidade de Vigo se posiciona no mapa da proteómica mundial e ver o retorno económico que supón para a cidade de Ourense este encontro.