Friday, 24 February 2012

O Fórum Gastronómico une investigadores e chefs para cociñar ciencia



O pasado mes de decembro investigadores da Universidade de Vigo e destacados chefs galegos pertencentes ao Grupo Nove puxeron en marcha o proxecto Science and Cook co obxectivo de amosar o frutífera que pode ser a maridaxe entre ciencia e gastronomía. Este domingo, día 26 de febreiro, o Fórum Gastronómico, cita de referencia do sector, acollerá en Santiago de Compostela dous obradoiros deste proxecto coa participación das investigadoras Concepción Pérez, Marta Domínguez e Susana Álvarez e dos cociñeiros Gonzalo Rei e Beatriz Sotelo. 

Os dous obradoiros, que serán presentados polo xornalista Manuel Gago e aos que asistirán arredor de 20 persoas en cada caso, celebraranse no marco da chamada Aula Activa do Fórum, coa que se pretende ofrecer a un público interesado en temas culinarios talleres cun carácter práctico e de participación directa. Con eles arrancarán tres días de celebración do Fórum, que por terceiro ano se celebra en Santiago de Compostela, en alternancia coa cidade de Xirona, e que de novo pretende ser un punto de encontro imprescindible para os profesionais da gastronomía e para as empresas do sector agroalimentario. 

Un dos obradoiros será ofrecido por Concepción Pérez, investigadora da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, e Gonzalo Rei, chef do restaurante El Mercadito de Santiago de Compostela. Eles conxugarán a visión científica e a práctica culinaria para introducir aos asistentes na elaboración e cata de pratos nos que o coñecemento e a investigación xogan un papel destacado. O segundo dos talleres será impartido por Marta Domínguez e Susana Álvarez, investigadoras da Facultade de Química do campus de Vigo, e Beatriz Sotelo, chef do restaurante A Estación de Cambre. Nel, afondarán na aplicación á cociña de técnicas e materiais científicos como o nitróxeno líquido e o xeo seco. 

Binomios produtivos

Investigadores e cociñeiros formarán nestes talleres un binomio no que se darán a man ciencia e gastronomía, coñecemento e creatividade, teoría e práctica e investigación e empresa. Os primeiros amosarán como a ciencia está presente detrás dalgo tan cotiá como a cociña e como a ciencia pode enriquecela e os segundos evidenciarán como nas súas creacións gastronómicas a ciencia, a investigación e o coñecemento xogan un papel fundamental dun xeito máis ou menos evidente. 

Con esta participación continúa o desenvolvemento do proxecto Science and Cook, unha iniciativa na que participan investigadores das facultades de Ciencias de Ourense e Química de Vigo, do Centro de Investigación, Trasferencia e Innovación CITI de Ourense e algúns dos mellores chefs galegos, que forman o Grupo Nove, contando con financiamento da Universidade de Vigo, do Consello Social da Universidade de Vigo e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología FECYT, do Ministerio de Economía e Competitividade.