Wednesday, 6 November 2013

Esta auga... esta auga sábeme a...

Bicarbonatada, sulfatada, clorurada, ferruxinosa, de mineralización débil, moi débil, media ou forte… Ao igual que os viños, cada auga mineral natural presenta unha serie de características na súa composición que a diferenzan doutras fronte ao consumidor. Só fai falla que ese consumidor se adestre un pouco na diferenciación de olores, sabores e aspectos para poder pór en palabras esas percepcións que ten cando proba unha auga e decide que a prefira antes que outras. Para introducir aos membros da comunidade universitaria neste eido, as profesoras Elena Falqué e Concepción Pérez impartiron este mércores un curso de cata centrado nestas bebidas. 

A iniciativa, que se enmarca na celebración da Semana das Ciencias e a Auga, comezou introducindo aos asistentes na importancia deste líquido para pasar logo a centrarse no caso concreto das augas minerais naturais, que son aquelas microbioloxicamente sas que teñen a súa orixe nun estrato ou xacemento subterráneo e que brotan dun manancial ou que son captadas artificialmente mediante diferentes técnicas. “O que as distingue claramente das restantes augas de bebida ordinarias é a súa constancia química; a súa natureza, caracterizada polo seu contido en minerais, oligoelementos e outros compoñentes e, en ocasións, por determinados efectos, e a súa pureza orixinal. Son características que se mantiveron intactas dada a orixe subterránea, que a protexe de forma natural de todo risco de contaminación”, destacou Elena Falqué. 

Adestramento previo

Destas bebidas os asistentes coñeceron o marco lexislativo que lles afecta, a clasificación oficial de augas minerais naturais, os límites de contaminantes permitidos e os parámetros de análise e control, ademais de aprender a interpretar o etiquetado das botellas deste produto tan habitual no consumo humano. Pero para aprender a teoría nada mellor que ir á práctica e guiados polas docentes Elena Falqué e Concepción Pérez o alumnado asistente púxose mans á obra a facer unha cata. “Para facer esta análise organoléptica, primeiro é necesario facer un adestramento previo que axude aos participantes a pór en palabras e distinguir parámetros de aspecto, olfato, sabor, textura e regusto”, apuntou Concepción Pérez, que conta cunha dilata traxectoria no eido da análise sensorial e das catas. 

Para facer estes adestramentos, por exemplo, os participantes primeiro uliron por separado e en botes cada un dos diferentes sabores, como son doce, salgado, ácido, amargo, astrinxente e metálico. Deste xeito, preparábanse para facer a cata cos sabores diferenciados e lembrados no seu cerebro. Unha vez feita esta primeira aprendizaxe, os participantes saborearon e analizaron cada unha das mostras de auga, das que logo souberon as súas marcas comerciais. “Desde logo que non todas saben igual e o modo máis sinxelo de aprecialo é probando varias diferentes seguidas e tendo claros algúns conceptos básicos, tal e como puideron comprobar os participantes neste curso”, comentou Elena Falqué.