O CIA3 da Facultade de Ciencias do campus de Ourense leva catro anos na procura dun aceite de oliva cen por cento galego. Non só na súa elaboración senón tamén na súa orixe. Traballan con olivas da variedade "raza galega", procedentes de olivos centenarios do municipio lucense de Ribas de Sil que agora se intentan recuperar.
As investigacións céntranse nos aceites galegos de olivas que aínda están sen caracterizar. Non se puido catalogar polo de agora a orixe desta variedade de olivas do concello de Ribas de Sil, pero todo apunta a que é autóctona, de feito coñécese como "raza galega". O seu aceite ten unhas características especiais.
Trátase dun produto único que depende agora da recuperación destes olivos centenarios.
A investigación, que comezou hai catro anos, contou coa colaboración doutras universidades como a de Cidade Real ou Bolonia. Agora aseguran, será o financiamento o que determine se poden seguir adiante cos seus traballos, e sacar ao mercado un aceite completamente diferente, e cen por cento galego.