Presentáronse os resultados dun estudo do Grupo de Investigacións Agroambientais e Agroalimentarias sobre catro especies “ricas en proteínas de alto valor biolóxico” e ácidos graxos poliinsaturados.
A comunidade investigadora, palangreira e a administración puxeron este martes en valor os beneficios do consumo das grandes especies peláxicas, así como o efecto protector que ten o selenio fronte a contaminantes ambientais como o mercurio. Fixérono con argumentos científicos nun congreso celebrado nas instalacións da Autoridade Portuaria de Vigo e no que se presentaron os resultados do proxecto 'Beneficios do consumo das especies tiburón azul (Prionace Glauca), marraxo (Isirus oxyrinchus), peixe espada (Xiphias gladius) e atún vermello (Thunnus thynnus)', estudo realizado polo Grupo de Investigacións Agroambientais e Agroalimentarias da Universidade de Vigo, liderado polo profesor Jesús Simal, a iniciativa de Sealab, a OPP Burela (Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela), Opromar (Organización de Produtores de Pesca do Porto e Ría de Marín), Carbopesca (Organización de Produtores Pesqueros Pescadores de Carboneras) e a OPP78 (Organización de Productores Pesqueros Artesanales del Estrecho).
A inauguración do encontro estivo presidida pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, quen destacou a importancia de desenvolver este tipo de iniciativas para difundir os beneficios nutricionais dos produtos do mar e a sustentabilidade da actividade marítimo-pesqueira. Neste liña pronunciáronse tamén os seus acompañantes de mesa, entre eles a vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade, María Isabel Doval, quen destacou que desde a Universidade de Vigo se valora moito calquera acción que teña que ver co peixe, “fonte de saúde”, e coa dieta atlántica como exemplo claro de alimentación saudable. “En dieta atlántica o sur de Galicia ten moito que achegar”, subliñou a vicerreitora, quen tamén adiantou que os resultados finais do proxecto serán difundidos entre a comunidade universitaria, “sobre todo nas nosas facultades de Educación, o mellor xeito de que cheguen ás escolas e ás familias, e tamén entre as empresas concesionarias dos comedores universitarios”.
Xunto a elas participaron tamén na inauguración do congreso o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña; o director da Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto e Ría de Marín, Juan Carlos Martín, e o director da Organización de Produtores Pesqueiros de Burela, Sergio López.
En canto ao valor nutricional destas especies, desde o Grupo de Investigacións Agroambientais e Agroalimentarias adiantaron no congreso que estas catro especies “son ricas en proteínas de alto valor biolóxico e cun excelente perfil aminoacídico, xa que son fonte de aminoácidos esenciais, entre eles: histidina, isoleucina, leucina, lisina, treonina, triptófano, valina, fenilalanina, metionina, chegando a achegar entre o 40 e o 60% da inxesta diaria recomendada de todos os aminoácidos esenciais”, explica o profesor Miguel Ángel Prieto, membro do comité científico do congreso xunto a Jesús Simal.
Ademais, segundo explicaron os coordinadores do estudo, estas especies achegan ácidos graxos poliinsaturados, principalmente omega 3, ácido eicosapentaenoico (EPA) e ácido docosahexaenoico (DHA), que demostraron ser beneficiosos para a saúde cardiovascular. “Entre estas catro especies destaca o atún vermello, unha das que maior contido de EPA e DHA achega”, explica Prieto. Por outra banda, son fonte de vitaminas liposolubles, como as vitamina A e D, e hidrosolubles, como as vitaminas do complexo B, principalmente niacina (B3), piridoxina (B6) e cobalamina (B12). A maiores, os expertos subliñaron que estas especies destacan tamén polo seu alto contido de minerais como o Selenio (Se), Zinc (Zn), Cobre (Cu) e Manganeso (Mn).
No relativo aos posibles prexuízos derivados da posible presenza de mercurio, os investigadores da UVigo destacan que “aínda que é certo que estas especies, polo lugar que ocupan na cadea trófica e por ser especies lonxevas, acumulan máis cantidade de mercurio en comparación con especies de menor tamaño”; con todo, tamén presentan bondades nutricionais que os converten nunha opción para explorar á hora de elixir. Neste sentido, resaltan a importancia de coñecer as recomendacións de consumo realizadas polas autoridades, especificamente pola Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) que recomenda para a poboación en xeral o consumo de 3–4 racións á semana de peixe procurando variar as especies entre peixes brancos e azuis. “So se fixa unha dose menor a grupos de poboación vulnerables, como os nenos entre 10 e 14 anos, onde limita o consumo destas especies a 120 g/mes, e as mulleres embarazadas ou que planeen estalo, casos nos que se desaconsella o consumo destas especies”.
O estudo, do que ao longo desta mañá se están a presentar un primeiro avance de resultados, arrancou en febreiro de 2021 e rematará en 2023. Xira en torno a tres eixes fundamentais: realizar unha avaliación científica do valor nutricional e os beneficios do consumo destas catro especies; avaliar os datos teóricos das inxestas máximas recomendadas e os niveis máximos de mercurio permitidos, revisando o contido en mercurio de outros alimentos e comparando o risco do seu consumo; e determinar si o contido en selenio destas especies é suficiente para contrarrestar o efecto negativo do mercurio na saúde humana. Á espera das conclusión definitivas, os primeiros indicios invitan ao sector ao optimismo.
Fuente: DUVI