Wednesday 20 July 2011

Ourense sitúase no mapa e na axenda da proteómica mundial

Durante tres días, do 18 ao 20 de xullo, a localidade ourensá de Laias foi o epicentro da proteómica internacional coa celebración do 2nd International Congress on Analytical Proteomics ICAP. 260 investigadores de 35 países intercambiaron coñecementos e técnicas e abriron novas canles de comunicación e sinerxía entre os seus grupos de investigación. Este mércores o congreso rematou e fíxoo marcando no calendario dúas novas citas que permitirán a Ourense posicionarse no mapa e na axenda mundial da proteómica, disciplina fundamental para a diagnose e tratamento de enfermidades coma o cancro. 

O congreso, organizado en Ourense polo Grupo Bioscope da Facultade de Ciencias, foi unha iniciativa da Asociación Científica Proteomass e da revista JIOMICS (Journal of Integrated OMICS), en colaboración nesta edición coa Universidade de Vigo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Trala clausura, os seus organizadores, José Luis Capelo e Carlos Lodeiro, fixeron un balance no que salientaron a súa grande satisfacción polo desenvolvemento da iniciativa. 

“Pola cantidade de investigadores asistentes, pola calidade científica dos relatores e das intervencións, polas sinerxías que se crearon e polas oportunidades que se abriron, a nosa valoración do congreso non pode ser máis positiva”, destacou José Luis Capelo. A participación de responsables dos centros de investigación punteiros neste campo e de destacados expertos na materia, xunto a investigadores máis novos, permitiu o intercambio de coñecementos en eidos como a biomedicina cardíaca, o cancro, a marcación celular, a produción de biocarburantes e un longo etcétera. 

Novas citas

Xunto a este valor científico, Carlos Lodeiro explicou que durante o congreso se conseguiu pechar a contratación de investigadores posdoutorales para destacados centros de investigación de Chicago, Washington, Singapur, Sidney e Suecia, algúns deles do Grupo Bioscope. Ademais acordouse a sinatura dun convenio entre varias universidades europeas para a celebración en Ourense no ano 2012 do primeiro congreso internacional do mal de tecidos Maldi-Tissue. Ademais desta cita, no 2015 a cidade volverá a acoller a cuarta edición do International Congress on Analytical Proteomics. 

Por último, como peche ao 2nd International Congress on Analytical Proteomics e froito do bo ambiente que se gozou durante o evento, Lodeiro e Capelo entregaron aos organizadores do seguinte ICAP, que se celebrará en Brasil en 2013, un vimbio como símbolo do “bastón de mando” que eles asumen agora e co desexo de que teñan unha edición cando menos tan frutífera como a que se viviu en Ourense.