Friday 8 July 2011

Residuos en vez de alimentos para crear biocombustibles máis 'éticos'



A aparición dos biodiésel, combustibles obtidos de aceites vexetais ou graxas animais, foi inicialmente considerada unha opción “ecolóxica” aos contaminantes, limitados e custosos combustibles derivados do petróleo. Sen embargo, co seu auxe xurdiu a cuestión ética e económica de destinar alimentos fundamentais como o millo a producir combustibles, cando aínda millóns de persoas morren de fame no mundo. Para conseguir alternativas de biocombustible máis “éticas” a ciencia continúa traballando neste eido, con liñas de investigación como a explicada este venres sobre valorización de residuos polo profesor cubano Carlos Orestes Martín, nunha conferencia impartida no campus de Ourense. 

Doutor da Universidad Camilo Cienfuegos de Mantanzas, Martín é experto en temas relacionados co tratamento da biomasa e a produción de biocombustibles. Actualmente atópase investigando neste eido no vTI-Institute of Wood Technology and Wood Biology de Hamburgo, circunstancia aproveitada polos grupos de investigación de Enxeñaría Química EQ2 e EQ9 da Universidade de Vigo para convidalo a realizar unha estancia duns días no campus de Ourense e profundar en liñas de investigacións comúns. 

O profesor, que quixo agradecer ao CITI e á Vicerreitoría de Investigación e Transferencia do campus o convite, ofreceu na Facultade de Ciencias a conferencia Avaliación preliminar do pretratamento de biomasa lignocelulósica empregando glicerol. Martín comezou salientando que as principais fontes de bioetanol son o millo e o azucre e que a súa demanda para a produción de biocombustible ten sido unha das causas que explican o incremento dos prezos destes alimentos básicos. “Cando centos de millóns de persoas pasan fame esta situación é eticamente cuestionable. Polo tanto, debemos seguir traballando nos biocombustibles pero buscando alternativas que non afecten á alimentación humana”, advertiu. 

Dobre valorización de residuos

Como exemplo, o profesor explicou aos presentes a liña de investigación na que está traballando o seu grupo en Cuba, partindo dun subproduto local abundante como é o bagazo da caña de azucre. Este residuo, destacou, estábase empregando nas propia centrais de caña para a produción de electricidade, en caldeiras ineficientes porque interesada desfacerse da maior cantidade posible de bagazo. Traballando neste eido, os investigadores calcularon que, cunha xestión eficiente, a metade do bagazo sería suficiente para o mantemento eléctrico das instalacións e a outra metade podería empregarse para a produción de biocombustibles. 

Nunha segunda volta de torca á valorización e aproveitamento de residuos, para producir ese biocombustible a partir dos residuos de caña de azucre, Martín sinalou que están traballando no emprego nese proceso de glicerina, un subproduto do propio biodiésel. É dicir, investigan o emprego dun residuo que se xera na produción de biodiésel para facer biodiésel a partir dun residuo como é o bagazo da caña de azucre. “Por cada tonelada de biodiésel que se xera prodúcense 200 quilogramos de glicerina. Só a Unión Europea produce o dobre da demanda mundial deste produto, o que fixo caer nos últimos anos o seu prezo”, salientou o investigador. Unhas circunstancias de dispoñibilidade e prezo que converten á glicerina ou glicerol nunha boa alternativa para a súa aplicación na produción de biodiésel a partires de bagazo de caña de azucre.