Thursday 20 April 2023

Jesús Simal incorpórase ao comité internacional mixto FAO/OMS que avalía a seguridade dos aditivos alimentarios

 


A Organización Mundial da Saúde (OMS) e a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) crearon en 1956 o Comité Mixto de Expertos e Aditivos Alimentarios (JECFA). Inicialmente encargado da avaliar a inocuidade dos aditivos alimentarios, na actualidade o JECFA ocúpase tamén da valoración de riscos e inocuidade de coadyuvantes de elaboración, aromatizantes, residuos de medicamentos veterinarios en produtos animais, contaminantes e toxinas naturais, avaliando durante estas décadas máis de 2500 aditivos alimentarios, uns 40 contaminantes e toxinas naturais e residuos duns 90 medicamentos veterinarios. Actividades ás que a partir de agora sumará a súa experiencia e coñecementos o catedrático da UVigo Jesús Simal, trala súa recente incorporación ao JECFA, que unicamente conta con Simal e a docente da Universidad Miguel Hernández, María Fernández, como representantes españois.

“Para min, que ademais traballo en equipo nun ambiente internacional, supón poder contribuír á seguridade e inocuidade dos alimentos, minimizando os riscos químicos na cadea alimentaria e axudarame a estar ao día nestes temas, ademais de abrirme a porta a colaboracións internacionais na materia e impulsar colaboracións con outros, ao ter a oportunidade de incidir nas políticas públicas”, explica o docente e investigador do Departamento de Química Analítica e Alimentaria da UVigo sobre a súa inclusión no Comité Mixto FAO/OMS de Expertos en Aditivos Alimentarios. A súa pertenza ao Comité Científico de Seguridad Alimentaria y Nutrición da Agencia Española de Consumo, Seguridad Alimentaria y Nutrición (Aecosan) e os coñecementos como catedrático na área de nutrición e bromatoloxía, considera Simal que son as achegas que pode realizar ao JECFA, no que “podo contribuír a axudar no desenvolvemento integral de expertos, uso de ferramentas dixitais ou promoción de competencias brandas, como motivación pola aprendizaxe continua, compromiso e transparencia, flexibilidade e versatilidade, xestión do tempo, superación, etc.”.

Simal e os e as expertas que integran o comité ofrecerán asesoramento científico para o establecemento das normas mundiais de inocuidade dos alimentos do Codex Alimentarius, entre outras. “Todos os países necesitan ter acceso a avaliacións fiables de riscos das substancias químicas utilizadas nos alimentos, pero relativamente poucos contan cos coñecementos e fondos necesarios para facer avaliacións individuais e JECFA cumpre unha función vital ao proporcionar unha fonte axeitada de asesoramento de expertos, que algúns países utilizan para elaborar os seus propios programas de regulamentación”, explica o catedrático da UVigo.

Para aditivos alimentarios, contaminantes e substancias tóxicas naturalmente presentes nos alimentos, o comité establece principios para avaliar a súa inocuidade, realiza valoracións toxicolóxicas e determina inxestións diarias admisibles (IDA) ou tolerables. No caso dos residuos de medicamentos veterinarios nos alimentos, JECFA elabora principios para avaliar a súa inocuidade e establece as inxestións diarias e recomenda límites máximos de residuos. “No caso dos aditivos alimentarios, o comité establece normalmente as IDA sobre a base da información toxicolóxica e demais información pertinente dispoñible, ademais de elaborar especificacións de identidade e pureza para os aditivos, que contribúen a garantir que o produto que entre no comercio sexa da calidade apropiada, poida ser fabricado normalmente e sexa equivalente ao material sometido ao ensaio toxicolóxico”, detalla Jesús Simal.

Para os medicamentos veterinarios, o comité avalía os datos sobre boas prácticas e recomendan os correspondentes límites máximos de residuos nos tecidos dos animais, o leite e/os ovos, coa finalidade de asegurar que cando o medicamento se utilizar axeitadamente, a inxestión de residuos do medicamento presente nos alimentos probablemente non superará a IDA correspondente


Fonte: DUVI