Monday, 10 June 2013

Unha educación ambiental que busca solucións

Alén dunha declaración de boas intencións, a educación e a xestión ambiental son unha alternativa real para solucionar problemas actuais das comunidades. Con esta idea de fondo, o campus de Ourense organizará do 17 ao 19 de xuño un curso de verán sobre Educación ambiental e responsabilidade social que terá como escenario o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Desde este privilexiado enclave, os asistentes afondarán en como o 'ecodesenvolvemento' pode achegar outras opcións a temas como a prevención de incendios, a enerxía ou o turismo. 

Benedicto Soto, responsable da Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo, e Francisco Javier Rodríguez, docente da Facultade de Ciencias, son os coordinadores desta iniciativa que xa é unha tradición na programación de cursos de extensión cultural. “É o decano dos cursos de verán do campus, pois leva celebrándose arredor de 20 anos e aí sigue, lembrando a importancia de apostar pola educación ambiental e polo respecto á natureza”, salienta Rodríguez Rajo. “Neste curso, que terá lugar de novo no Concello de Muíños, tratarase de comprender, dende o punto de vista educativo e científico, as bases do 'ecodesenvolvemento' e de diferenciar os principais enfoques e modalidades de educación ambiental. O obxectivo é promover aptitudes e fomentar o espírito crítico na xestión ambiental, valorando a grande importancia que ten contribuír á conservación da natureza e á protección dos espazos naturais protexidos”, engade Benedicto Soto. 

Axentes do eido público e privado

Entre os participantes no curso deste ano estarán Pablo Penín, responsable provincial de Seaga, que falará sobre a educación ambiental como loita contra o lume, e Miguel Pardellas, directivo da Sociedade Galega de Educación Ambiental, que afondará no estado da cuestión en Galicia. Os enxeñeiros de Gas Natural Joaquín Gómez e Santos Eloy González serán os encargados de intervir sobre o impacto natural das obras de enxeñaría e Fernando Suárez, director de balnearios do Grupo Caldaria, tratará o tema do turismo termal e o medio ambiente. 

A Facultade de Ciencias do campus de Ourense tamén terá unha destaca participación nesta iniciativa. Pedro Araújo, o seu decano, e Gil Garrote, vicedecano, presentarán os estudos en Ciencias Ambientais; e o docente Juan Carlos Mejuto falará da 'química verde'. Ademais de realizar visitas a lugares da contorna de interese, as persoas inscritas terán tamén a oportunidade de coñecer como se xestiona unha reserva da biosfera transfronteiriza como é a da Baixa Limia-Serra do Xurés da man do seu xestor, José Antonio Amoeiro, e do tenente alcalde do Concello de Muíños, Alejandro Castro. “Esta zona é especialmente interesante para acoller un curso de medio ambiente porque está na liña que separa a zona mediterránea da atlántica e por este motivo nela pódense apreciar moi ben as consecuencias do cambio climático e da mala xestión ambiental”, apunta Francisco Javier Rodríguez.

As persoas interesadas en inscribirse neste curso de verán, que ofrece 50 prazas, aínda están a tempo de facelo. O prezo de matrícula é de 60 euros para o público xeral, 45 para o alumnado e persoal docente da Universidade de Vigo e de 30 euros para bolseiros. O transporte, a estancia e a manutención do curso, no que colabora a Deputación Provincial de Ourense, serán de baldes grazas á colaboración do Concello de Muíños e do seu albergue.