Thursday, 26 March 2015

Un campus aberto á auga... e á sociedade



A seca, o aumento da poboación, a sobreexplotación económica e a mala xestión dos recursos teñen convertido a falta de auga potable nun grave problema planetario. Os expertos prevén que de manterse o ritmo de consumo no 2025 o 60% dos habitantes da Terra vivirá en rexións con escaseza "e nos temos tanta auga que non lle damos valor a ser o lugar de Europa con maior potencial de auga quente, un tesouro termal do que queremos sacar partido e polo que escollemos este ben no noso camiño de especialización". Así llo explicou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, aos máis de 160 estudantes e docentes que participaron nos actos de conmemoración do Día Mundial da Auga no campus de Ourense, que se celebrou cunha xornada de portas abertas con multitude de actividades para achegar á cidadanía "o que se está a facer no campus", así como o proceso de especialización no que está inmerso co Campus da Auga.

Os rapaces e rapazas do IES 12 de Outubro e dos colexios Salesianos, Santa Teresa de Jesús-Carmelitas e Divina Pastora-Franciscanas achegáronse ás diferentes titulacións que se imparten nos centros e ás liñas de investigación que se están a desenvolver ao abeiro deste campus de especialización en sesións tanto teóricas como prácticas nos laboratorios de Microbioloxía da Facultade de Ciencias e de Arqueoloxía da Facultade de Historia. "Queremos que se nos coñeza co apelido ‘auga’, porque detrás está o futuro ao ser un sector relacionado co termalismo, coa dinamización social e co potencial económico", salientou o reitor, que asegurou que o medio ambiente, a natureza e a alimentación son outras das “marcas” que se agochan tras o campus de Ourense. "Detrás da auga tamén está o noso potencial tecnolóxico e temos que pensar nas nosas capacidades para que este elemento sexa o eixo sobre o que pivotar o noso futuro económico", subliñou durante a inauguración dunhas xornadas que naceron con intención de continuidade.

O vicerreitor, Virxilio Rodríguez, fíxolles aos participantes unha radiografía do campus, con máis de 4000 estudantes e 400 empregados "implicados" no seu crecemento, ademais de explicarlles o proceso de especialización co que Ourense pretende pasar a liderar a investigación e a docencia internacional sobre auga no que están implicados todos os centros do campus. "Espero que sexa unha xornada que serva para orientar o voso futuro académico e para inclinar a balanza cara esta universidade", recalcou. Tras o acto inaugural, presentación das titulacións por parte dos seis decanos e directores dos centros que configuran o campus ourensán, da programación cultural e deportiva e de proxectos de investigación relacionados coa auga, como os desenvolvidos polo grupo EPhysLab ou os que relacionan auga e historia.

Da teoría á práctica
Tras facer varios experimentos en diferentes laboratorios do campus, os participantes volveron a xuntarse no salón de actos Marie Curie do Edificio Politécnico para a entrega de premios do concurso de fotorrelato Auga con Historia, no que os estudantes de Secundaria e Bacharelato debían presentar unha fotografía acompañada dun texto que promovera ou visibilizara o patrimonio artístico, etnográfico, cultural... relacionado coa auga. O xurado decidiu declarar deserto o primeiro e segundo premio e outorgar o terceiro a Iria Ollero, do Colexio Marista Santa María, por Muíños de auga. Luces e sombras. Ademais, entregaron un accésit a Andrea Barja, do Colexio Concepción Arenal, pola obra A auga, a razón pola que estamos aquí. As galardoadas, xunto co diploma e a mención, levaron un lote de libros cedidos pola Deputación de Ourense e dúas tablets, unha dada polo Concello e outra pola empresa tecnolóxica Primux.

Creado polas Nacións Unidas para chamar a atención sobre a importancia da auga doce e a defensa da xestión sostible destes recursos, o Día Mundial da Auga debe servir para resaltar que a sociedade atópase ante "o gran reto do século XXI, xa que aínda hai 1500 millóns de habitantes que sofren dalgunha forma pola falta de auga potable. E ninguén mellor que a Universidade de Vigo para traballar para que a auga sexa un ben sostible", como explicou Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación provincial, durante a clausura, na que tamén estiveron presentes o concelleiro de Termalismo de Ourense, José Ángel Barquero, e un representante de Primux, Manuel Lama.

Fuente: DUVI