Wednesday, 6 November 2013

Esta auga... esta auga sábeme a...

Bicarbonatada, sulfatada, clorurada, ferruxinosa, de mineralización débil, moi débil, media ou forte… Ao igual que os viños, cada auga mineral natural presenta unha serie de características na súa composición que a diferenzan doutras fronte ao consumidor. Só fai falla que ese consumidor se adestre un pouco na diferenciación de olores, sabores e aspectos para poder pór en palabras esas percepcións que ten cando proba unha auga e decide que a prefira antes que outras. Para introducir aos membros da comunidade universitaria neste eido, as profesoras Elena Falqué e Concepción Pérez impartiron este mércores un curso de cata centrado nestas bebidas. 

A iniciativa, que se enmarca na celebración da Semana das Ciencias e a Auga, comezou introducindo aos asistentes na importancia deste líquido para pasar logo a centrarse no caso concreto das augas minerais naturais, que son aquelas microbioloxicamente sas que teñen a súa orixe nun estrato ou xacemento subterráneo e que brotan dun manancial ou que son captadas artificialmente mediante diferentes técnicas. “O que as distingue claramente das restantes augas de bebida ordinarias é a súa constancia química; a súa natureza, caracterizada polo seu contido en minerais, oligoelementos e outros compoñentes e, en ocasións, por determinados efectos, e a súa pureza orixinal. Son características que se mantiveron intactas dada a orixe subterránea, que a protexe de forma natural de todo risco de contaminación”, destacou Elena Falqué. 

Adestramento previo

Destas bebidas os asistentes coñeceron o marco lexislativo que lles afecta, a clasificación oficial de augas minerais naturais, os límites de contaminantes permitidos e os parámetros de análise e control, ademais de aprender a interpretar o etiquetado das botellas deste produto tan habitual no consumo humano. Pero para aprender a teoría nada mellor que ir á práctica e guiados polas docentes Elena Falqué e Concepción Pérez o alumnado asistente púxose mans á obra a facer unha cata. “Para facer esta análise organoléptica, primeiro é necesario facer un adestramento previo que axude aos participantes a pór en palabras e distinguir parámetros de aspecto, olfato, sabor, textura e regusto”, apuntou Concepción Pérez, que conta cunha dilata traxectoria no eido da análise sensorial e das catas. 

Para facer estes adestramentos, por exemplo, os participantes primeiro uliron por separado e en botes cada un dos diferentes sabores, como son doce, salgado, ácido, amargo, astrinxente e metálico. Deste xeito, preparábanse para facer a cata cos sabores diferenciados e lembrados no seu cerebro. Unha vez feita esta primeira aprendizaxe, os participantes saborearon e analizaron cada unha das mostras de auga, das que logo souberon as súas marcas comerciais. “Desde logo que non todas saben igual e o modo máis sinxelo de aprecialo é probando varias diferentes seguidas e tendo claros algúns conceptos básicos, tal e como puideron comprobar os participantes neste curso”, comentou Elena Falqué.

Monday, 4 November 2013

Un método máis rápido, barato e eficiente para identificar os antioxidantes do mel



Desde o ano 2008 o Grupo de Investigación en Aerobioloxía e Apicultura da Universidade de Vigo colabora co Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia no estudo das características nutricionais e saudables do mel co obxectivo de favorecer, entre outras cuestións, a súa etiquetaxe. No marco deste proxecto e coa colaboración de investigadores da Universidade de Salamanca, veñen de probar a utilidade da tecnoloxía de espectrometría de infravermello próximo (NIR) para identificar os antioxidantes deste produto dun xeito máis rápido, barato e eficiente. Os resultados do traballo foron publicados no último número da revista Food Chemistry. 

O artigo, titulado Near infrared spectroscopy for prediction of antioxidant compounds in the honey, está asinado por Mª Carmen Seijo e Olga Escuredo, da Universidade de Vigo, e por Javier Salvador e Mª Inmaculada González-Martín, da Universidade de Salamanca. “Despois de analizar a capacidade antioxidante do mel pensamos que un posible método para identificar os seus compostos antioxidantes podía ser a tecnoloxía NIR, que se emprega habitualmente para determinar a composición química de todo tipo de alimentos e outros produtos. As vantaxes desta técnica con respecto á tradicional análise química é que non se dana a mostra que se estuda, é moito máis rápida, é unha tecnoloxía accesible para calquera laboratorio e os datos son fiables, tal e como comprobamos neste traballo”, destaca Mª Carmen Seijo. 

Canto máis escuro, máis antioxidantes ten o mel

Para analizar a viabilidade deste método no caso do mel galego, a investigadora Olga Escuredo realizou unha estadía na Universidade de Salamanca e traballou con Mª Inmaculada González-Martín, especialista na aplicación da espectrometría de infravermello próximo. “A medida con esta técnica é rápida pero para facela é preciso aplicar uns modelos matemáticos complexos. Unha vez realizados estes modelos a súa aplicación é sinxela”, explica a investigadora da Facultade de Ciencias do campus de Ourense. Concretamente, neste estudo analizaron con NIR 60 mostras de diferentes meles galegos e cotexaron os datos obtidos cos que xa se tiñan da súa análise no laboratorio coa metodoloxía química tradicional, para comprobar que eran similares. Na análise, apuntan os seus responsables, prestaron especial atención a compostos antioxidantes como os fenoles e os flavonoides, presentes no mel e noutros alimentos, obténdose bos resultados. 

Polas súas implicacións para a saúde, o tema dos antioxidantes, sinalan as investigadoras ourensás, está na actualidade moi de moda porque se relaciona coa eliminación de radicais libres, vinculados á súa vez co envellecemento e co deterioro da saúde. Neste senso, e se se comparan cos demais meles, destaca Mª Carmen Seijo, os galegos destacan porque “teñen unha moi boa capacidade antioxidante, capacidade relacionada en parte coa súa cor”. Segundo explica, canto máis escuro é un mel maior é a súa capacidade antioxidante pois maior cantidade de compostos fenoles e flavonoides ten, falando en termos xerais.

Resultados desiguais en polen

Durante o estudo da aplicación da tecnoloxía NIR no caso dos meles galegos, os investigadores tamén probaron a súa aplicación para a identificación dos grans de polen que teñen estes produtos. Neste caso, a aplicación desta metodoloxía deu resultados desiguais, sendo positivos en determinados casos e non tan positivos cando os meles son moi semellantes. “O método palinolóxico é moi complexo, pois require un traballo arduo de adestramento ata que o investigador é capaz de identificar co microscopio a orixe botánica dos grans de cada mel. Por este motivo decidimos probar se o uso desta técnica sería útil tamén neste eido, pero os resultados obtidos non foron bos en todos os casos”, apunta a investigadora ourensá.

Fuente: DUVI

Friday, 20 September 2013

Os queixos galegos actuais difiren amplamente dos tradicionais



Catro variedades con Denominación de Orixe Protexida, unha produción aproximada de 5,5 millóns de quilos ao ano e un valor bruto duns 15 millóns de euros. Estas son as cifras dos queixos galegos (Arzúa-Ulloa, Tetilla, San Simón da Costa e Cebreiro), produtos hoxe en día fabricados maioritariamente de xeito industrial ou semi-industrial que pouco teñen que ver nos seus perfís sensoriais cos que se elaboraban de forma artesanal con leite cru, algún deles incluso en perigo de desaparición. Unha idea que expoñen e argumentan os profesores da Universidade de Vigo Juan Antonio Centeno e Francisco Javier Carballo e os investigadores do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) Patricia Rodríguez e José Ignacio Garabal, que recollen as diferenzas entre ambos tipos de producións na monografía Os queixos galegos: perfís sensoriais dos queixos artesanais tradicionais e dos queixos industriais actuais.

A publicación compendia a análise descritiva dos perfís sensoriais dos queixos industriais actuais destas catro variedades en función de datos tomados dos regulamentos das diferentes Denominacións de Orixe e de estudos posteriores a 1995, así como as características organolépticas (perceptibles a través dos sentidos) dos produtos tradicionais obtidas de traballos publicados ata 1990 e da realización de catas de 60 queixos de leite cru entre os anos 2004 e 2007 no CIAM.

A clave está no leite

Os investigadores atribúen a diferenza de aromas e sabores entre ambos tipos de producións basicamente ao leite e aos seus tratamentos. Por un lado, o leite actual é diferente na súa composición do que se empregaba tradicionalmente, procedente na súa meirande parte de vacas da raza rubia galega “alimentadas e manexadas de maneira máis extensiva, con menor aporte de concentrados”.

Por outra banda, a aplicación dun “muxido en condicións hixiénicas estritas e a conservación polo frío” fan que o leite actual destinado a queixería teña unha carga microbiana moi por debaixo da de hai 20-30 anos, cando no leite había “un maior contido en bacterias lácticas e outros microorganismos beneficiosos para a calidade sensorial do queixo”. Adicionalmente, a entrada en escena do proceso de pasteurización “destrúe os poucos microorganismos beneficiosos para a calidade sensorial do queixo que poida conter o leite, e inactiva a enzima lipoproteín lipasa que degrada as graxas orixinando diferentes sustancias aromáticas”, comenta o profesor Juan Antonio Centeno.

Se a estas modificacións se lle engade o emprego de fermentos microbianos ou cultivos iniciadores comerciais inespecíficos, o resultado é un queixo que non ten o sabor e aroma típicos ou tradicionais. “Estes fermentos, responsables da formación de aromas non diferenciados, como manteiga, froitos secos… proceden doutras producións de países do norte de Europa, non son autóctonos, conferíndolle aos produtos características sensorias propias de queixos como por exemplo os Gouda ou os Edam holandeses”, salienta o investigador.

A solución: recuperar e empregar cepas de microorganismos autóctonos

Para paliar esta perda de tipicidade, os investigadores propoñen dúas medidas concretas. Por unha banda, fabricar os queixos con leite cru, sen tratamento térmico; pola outra, empregar cultivos específicos tanto iniciadores como adxuntos de microorganismos autóctonos “previamente illados de queixos tradicionais e seleccionados mediante ensaios de laboratorio e como resultado de elaboracións experimentais en planta piloto”.

Trataríase de potenciar a recuperación e o emprego de cepas microbianas autóctonas, garantindo unha maior singularidade e diferenciación dos queixos. Os Laboratorios de Tecnoloxía de Produtos Lácteos do CIAM, na actualidade sen dotación de persoal, e de Tecnoloxía de Alimentos da Universidade de Vigo dispoñen de microorganismos autóctonos que foron ensaiados con éxito en elaboracións experimentais de queixos Arzúa-Ulloa, Tetilla e Cebreiro, tendo igualmente illado nos últimos anos novos microorganismos de interese tecnolóxico.

Sen embargo, e a pesar de que os Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe amosaron o seu interese na protección destes microorganismos con vistas á preparación de cultivos iniciadores e adxuntos específicos para empregar a nivel industrial ou semi-industrial, aínda non se ten financiado e desenvolvido ningún proxecto con esta finalidade. Motivos? “Podemos pensar inicialmente en dous: a imposición dun estrito sentido comercial, debido ao escaso volume de negocio que xera a venda de fermentos para queixería, especialmente para denominacións cunha produción reducida como San Simón da Costa ou Cebreiro; e a probable diminución da produción e o previsible aumento da demanda de leite nos vindeiros anos como materia prima para a fabricación de produtos lácteos estandarizados e ben situados nos mercados”, conclúe Centeno.

DUVI

Monday, 17 June 2013

As proteínas de defensa son as dominantes nas uvas pasas

Durante varios anos o Departamento de Química Analítica e Alimentaria da Universidade de Vigo e o Consello Regulador da Denominación de Oirxe Valdeorras traballaron na recuperación do viño doce tostado desta zona, que a principios do século XX aínda se producía de xeito familiar. No marco desa colaboración, a investigadora Noelia Briz estudou por primeira vez como a uva Garnacha Tintorera, da que se extrae esta bebida, e outras variedades autóctonas mudan a súa composición proteica ao ser pasificadas en interior. Pola súa investigación, que foi o seu traballo fin de grao en Enxeñaría Técnica Agrícola, vén de ser distinguida pola Facultade de Ciencias do campus de Ourense co Premio Sonia García Falcón. 

“O meu traballo consistiu en analizar principalmente cal é o perfil proteico da uva Garnacha Tintorera fresca e cal é unha vez pasificada. Deste xeito, realizamos a cuberto nas bodegas de Valdeorras a pasificación dunha mostra durante dous meses e analizamos a súa composición antes e despois de ser sometida a este proceso”, destaca a investigadora. Segundo explica, o feito de que o viño doce tostado de Valdeorras se realice con esta uva pasa determina as características desta bebida e desde o punto de vista investigador era preciso determinar o perfil da materia prima deste produto para poder mellorar as súas cualidades. Mentres realizaba este estudo, comenta Briz Cid, outros membros do grupo analizaron os aromas e os compoñentes polifenólicos, que determinan aspectos como a cor e o amargor, do viño doce para completar a súa análise científica. 

Un aspecto determinante pero nada estudado

Complementariamente ao estudo do caso da uva Garnacha Tintorera, durante a investigación tamén se analizou o comportamento doutras tres variedades de uva vitis vinifera autóctonas de Galicia, como son Albilla, Albariño e Caíño Tinto. Dos resultados, a investigadora salienta que “o que vimos é que se ben no caso das variedades brancas (Albilla e Albariño) non se observaron diferenzas entre as mostras pasificadas e as frescas, no caso das tintas si que se detectaron notables variacións. Antes de ser pasificadas, nelas predominan as proteínas involucradas no metabolismo celular e unha vez transformadas en pasas predominan as proteínas de defensa involucradas na resposta ao estrés que supón a eliminación da auga, como a endoquitinase IV ou a quitinase V”, resume Briz Cid. 

Segundo explica a investigadora, o viño tostado elabórase a partir da selección das mellores uvas que son sobremaduradas a cuberto e esta deshidratación induce modificacións significativas no metabolismo de ditas uvas, ademais de concentrar os xugos, ocasionando un maior contido de azucres. Estas modificacións tradúcense en cambios de aroma e cor con respecto ao viño novo. “É previsible que parte destes cambios estean relacionados con modificacións no proteoma da uva. A caracterización das proteínas da uva é esencial para entender un grande intervalo de procesos biolóxicos, é un parámetro fundamental para comprender os mecanismos metabólicos que teñen lugar durante a maduración da uva. A pesar desta relevancia, ata o momento a evolución do perfil proteico das variedades galegas durante unha das etapas máis críticas na elaboración do viño tostado, como é a pasificación, é un campo sen explorar”, subliña a investigadora, que continúa traballando no Departamento de Química Analítica e Alimentaria baixo a dirección de Jesús Simal.

Tuesday, 11 June 2013

De residuos no tratamento da uva a nutrintes para a terra dos viñedos

A perlita e a bentonita son dous residuos minerais que resultan do proceso de filtrado e clarificado do viño. Na súa tese de licenciatura en Ciencias Ambientais, a investigadora Isabel Rodríguez buscou un novo uso a ese material sobrante analizando que beneficios lle aportaba a súa incorporación á terra dos propios viñedos. Por este traballo, vén de ser distinguida pola Facultade de Ciencias do campus de Ourense co Premio Julia Franco á mellor tese de licenciatura do centro. 

“Este premio é un recoñecemento ao traballo de todo o grupo da Área de Edafoloxía e Química Agrícola, do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Universidade de Vigo, no marco do cal fixen este estudo e no que continúo agora realizando a miña tese de doutoramento na mesma temática”, destaca Isabel Rodríguez. Baixo a dirección dos docentes Juan Carlos Nóvoa e Manuel Arias, o seu traballo consistiu en estudar durante seis meses as consecuencias da incorporación á terra dun viñedo do Concello de Castrelo de Miño dos citados residuos minerais. En primeiro lugar, explica, analizouse se a perlita e a bentonita podían, e en que grao, absorber funxicidas e retelos no seu interior. En segundo lugar, estudouse como a incorporación destes materiais afectaba ás propiedades químicas do terreo. 

Primeiros resultados

Segundo os primeiros resultados obtidos e que deron lugar á tese de licenciatura, aínda que os dous residuos teñen capacidade de absorver os funxicidas presentes nos terreos dos viñedos, concretamente o funxicida chamado ciprodinil, a perlita tería unha maior capacidade de retelo no seu interior unha vez absorbido, un comportamento que o faría máis atractivo para o sector. “A adición destes minerais aumenta a capacidade de retención de ciprodinil como consecuencia dos cambios que provocan na composición química do solo”, comenta a investigadora. No que se refire ás propiedades químicas, o estudo conclúe que a aplicación de bentonita ten resultados máis positivos sobre as propiedades químicas do viñedo. “En xeral, algunhas das propiedades como o pH ou o contido dalgúns nutrintes melloran coa adición de ambos residuos, se ben é máis evidente nas mostras de solo enmendadas con residuo bentonítico”, destaca. Ademais, recalca Rodríguez, os resultados descartan o aumento da salinidade do terreo que tipicamente se observa trala aplicación deste tipo de refugallos en solos agrícolas. 

A investigación apunta que algúns destes efectos observados, sobre todo no caso da bentonita, son relevantes para un mellor crecemento da vide, podendo influenciar positivamente na produción da uva e na calidade do viño. “Adicionalmente, a materia orgánica aportada ao solo cos residuos podería aumentar a capacidade de retención da auga no terreo e mellorar a súa estrutura”, comenta Isabel Rodríguez. “Estes son os primeiros resultados nos que agora, coa realización da tese, queremos profundar, sobre todo ampliando o tempo de estudo e probando con diferentes cantidades de residuos na terra, dous factores que son fundamentais nesta investigación”, salienta a investigadora do campus de Ourense. 

“O sector vitivinícola xera unha cantidade moi grande de residuos que supoñen un problema para as propias empresas e para o medio ambiente. Desde a Área de Edafoloxía e Química Agrícola trabállase moito na busca de alternativas de reutilización destes materiais, que son principalmente de tipo agrícola. Con esta investigación queremos tamén afondar noutros materiais de refugallo menos estudados, como son os minerais, e continuar axudando a un mellor desenvolvemento do sector a través da investigación científica”, subliña Rodríguez, que recibiu o seu galardón o pasado venres no acto de graduación do centro.

Monday, 10 June 2013

Unha educación ambiental que busca solucións

Alén dunha declaración de boas intencións, a educación e a xestión ambiental son unha alternativa real para solucionar problemas actuais das comunidades. Con esta idea de fondo, o campus de Ourense organizará do 17 ao 19 de xuño un curso de verán sobre Educación ambiental e responsabilidade social que terá como escenario o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Desde este privilexiado enclave, os asistentes afondarán en como o 'ecodesenvolvemento' pode achegar outras opcións a temas como a prevención de incendios, a enerxía ou o turismo. 

Benedicto Soto, responsable da Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo, e Francisco Javier Rodríguez, docente da Facultade de Ciencias, son os coordinadores desta iniciativa que xa é unha tradición na programación de cursos de extensión cultural. “É o decano dos cursos de verán do campus, pois leva celebrándose arredor de 20 anos e aí sigue, lembrando a importancia de apostar pola educación ambiental e polo respecto á natureza”, salienta Rodríguez Rajo. “Neste curso, que terá lugar de novo no Concello de Muíños, tratarase de comprender, dende o punto de vista educativo e científico, as bases do 'ecodesenvolvemento' e de diferenciar os principais enfoques e modalidades de educación ambiental. O obxectivo é promover aptitudes e fomentar o espírito crítico na xestión ambiental, valorando a grande importancia que ten contribuír á conservación da natureza e á protección dos espazos naturais protexidos”, engade Benedicto Soto. 

Axentes do eido público e privado

Entre os participantes no curso deste ano estarán Pablo Penín, responsable provincial de Seaga, que falará sobre a educación ambiental como loita contra o lume, e Miguel Pardellas, directivo da Sociedade Galega de Educación Ambiental, que afondará no estado da cuestión en Galicia. Os enxeñeiros de Gas Natural Joaquín Gómez e Santos Eloy González serán os encargados de intervir sobre o impacto natural das obras de enxeñaría e Fernando Suárez, director de balnearios do Grupo Caldaria, tratará o tema do turismo termal e o medio ambiente. 

A Facultade de Ciencias do campus de Ourense tamén terá unha destaca participación nesta iniciativa. Pedro Araújo, o seu decano, e Gil Garrote, vicedecano, presentarán os estudos en Ciencias Ambientais; e o docente Juan Carlos Mejuto falará da 'química verde'. Ademais de realizar visitas a lugares da contorna de interese, as persoas inscritas terán tamén a oportunidade de coñecer como se xestiona unha reserva da biosfera transfronteiriza como é a da Baixa Limia-Serra do Xurés da man do seu xestor, José Antonio Amoeiro, e do tenente alcalde do Concello de Muíños, Alejandro Castro. “Esta zona é especialmente interesante para acoller un curso de medio ambiente porque está na liña que separa a zona mediterránea da atlántica e por este motivo nela pódense apreciar moi ben as consecuencias do cambio climático e da mala xestión ambiental”, apunta Francisco Javier Rodríguez.

As persoas interesadas en inscribirse neste curso de verán, que ofrece 50 prazas, aínda están a tempo de facelo. O prezo de matrícula é de 60 euros para o público xeral, 45 para o alumnado e persoal docente da Universidade de Vigo e de 30 euros para bolseiros. O transporte, a estancia e a manutención do curso, no que colabora a Deputación Provincial de Ourense, serán de baldes grazas á colaboración do Concello de Muíños e do seu albergue.

Sunday, 21 April 2013

Un referente agroambiental

La facultad de Ciencias tiene tantos años como el propio campus de Ourense. Inmersa en importantes cambios en los últimos años, derivados de la reconversión de algunos títulos y la eliminación de otros, pasa hoy, según su decano, por un buen momento. «La matrícula ha ido a más porque hay más oferta, y de una mayor extensión», asegura Pedro Araújo, que dirige el centro desde hace cuatro años.
Los grados de Ciencia y Tecnología de los Alimentos, Ciencias Ambientales -ambas exclusivas en el panorama universitario gallego- e Ingeniería Agraria son los que oferta actualmente un competitivo centro que comparte ubicación, el edificio Politécnico, con la escuela de Informática.

No se puede hablar de Ciencias, con todo, sin hacer referencia a la polémica que rodea a la facultad desde hace años, a raíz de la conversión de Física en un grado de Ciencias Ambientales. Después de que la Justicia declarase nulas las decisiones que facilitaron ese cambio, la junta de titulación espera ahora a que la Universidad de Vigo de una nueva oportunidad a esa carrera, que se llamaría Ingeniería Física. De otra forma, los estudios se extinguirán en un año. «Creo que la facultad ha salido beneficiada porque ahora está más homogeneizada. En ese sentido, lo considero positivo», afirma sobre ese asunto el decano. «Ahora tenemos más presencia de alumnos de diferentes zonas geográficas y ofertamos dos titulaciones que son exclusivas. Somos un centro de referencia», argumenta.

Pese a todo, no son los mejores tiempos para las llamadas «ingenierías verdes», las relacionadas con las ramas agrícolas y forestales. La facultad tiene este curso 432 alumnos pero dos de sus tres grados tienen problemas para captar nuevos estudiantes en primer curso. Son los de Ingeniería Agraria y Ciencia y Tecnología de los Alimentos.

Las opciones formativas del centro se completan además con un completo programa de especialización formado por cinco posgrados, cuatro de ellos con mención de calidad. Se intenta así mejorar la especialización y, a la postre, la inserción laboral de todos los estudiantes, en un momento de perspectivas económicas difíciles.

Monday, 1 April 2013

Conservantes baixo demanda grazas aos nanohidroxeles intelixentes

Cada día máis os alimentos comercialízanse envasados para protexelos e para illalos da contorna e conservar así durante máis tempo as súas características físicas, químicas e microbiolóxicas. Tamén cada día máis os consumidores buscan produtos o máis naturais posibles e se preocupan da presenza de conservantes na comida que inxiren. A investigadora Clara Fuciños, no marco do Grupo de Bioquímica da Área de Nutrición e Bramotoloxía da Universidade de Vigo, vén de probar de xeito experimental na súa tese de doutoramento os beneficios que para alimentos e consumidores ten o uso dunha nova partícula, os nanohidroxeles. O seu emprego permite que os conservantes só se liberen se realmente é preciso e non de xeito automático desde o envasado, tal e como acontece actualmente. “A aplicación da nanotecnoloxía pode achegar novas e prometedoras solucións dentro do campo dos envases activos e vale a pena investigalas”, destaca a xa doutora do campus de Ourense. 

A tese, titulada Smart nanohydrogels for controlled release of food preservatives e dirixida por María Luisa Rúa e Lorenzo Miguel Pastrana, é froito de arredor de cinco anos de investigación desenvolvidos no marco de diferentes proxectos sobre novos materiais. “Esta investigación nace da necesidade de deseñar sistemas de aplicación no envasado activo de alimentos que permitan liberar os antimicrobianos baixo demanda, só como resposta a cambios ambientais que poidan supor un risco para a seguridade e a estabilidade do alimento”, explica a investigadora da Facultade de Ciencias. Os produtos, apunta, sofren un rápido deterioro durante o seu almacenamento pola acción de organismos vivos, principalmente microorganismos, e por condicións ambientais como a temperatura e a humidade. “Actualmente xa se comercializan envases activos que incorporan substancias antimicrobiana pero trátase de mecanismos de difusión pasiva, dándose o paradoxo de que no momento no que o alimento é más seguro, cando acaba de ser envasado, é cando se produce a maior liberación de conservantes”, advirte. 

Como unha esponxa protectora

Inspirándose no sistema de funcionamento dos novos fármacos anticancerosos, neste traballo, subliña a doutora, “demostramos a utilidade dos nanohidroxeles de poli (N-isopropilacrilamida) PNIPA para transportar e liberar pimaricina, usada de forma habitual na conservación de alimentos, como resposta a estímulos externos e a súa efectividade para controlar o deterioro dos alimentos xerado polo crecemento de microorganismos. Isto conséguese mediante a combinación de dous mecanismos, como son a liberación lenta e controlada e a protección fronte á degradación ambiental do antifúnxico”. O nanohidroxel funcionaría como unha cápsula ou esponxa que protexe ao conservante e que só libera pimaricina cando realmente é necesario para protexer ao produto debido a cambios ambientais. Cando as condicións volven a ser favorables e non é necesario o conservante, de novo o nanohidroxel volve a bloquear a súa liberación. 

O equipo de investigación fabricou o polímero de tamaño nanométrico que protexe á pimaricina e probou con éxito o seu uso en queixos e en zumes refrixerados. “O efecto antifúnxico da pimaricina poténciase cando esta se aplica incluída no nanohidroxel, probablemente debido a que só é liberada cando as condicións ambientais o requiren, ralentizando así a súa degradación. Este sistema permite ademais reducir a cantidade de pimaricina necesaria para alcanzar un efecto inhibitorio e, por tanto, a cantidade de pimaricina presente no alimento e consumida polo usuario”, comenta Clara Fuciños. 

“Nunca, ata a realización deste traballo, se abordara o estudo da utilización de nanopartículas de poli (N-isopropilacrilamida) PNIPA como sistema de liberación controlada de conservantes alimentarios. É, polo tanto, unha investigación pioneira cuxos resultados permiten vislumbrar con claridade novas e diversas liñas de traballo que serán levadas a cabo nos próximos anos”, apunta a investigadora. Aínda que non se incorporaron a esta tese, destaca a doutora, desde o grupo ao que pertence estase a traballar en colaboración coa Universidade do Minho para desenvolver envoltorios comestibles que incorporen xa as nanopartículas de PNIPA como sistemas de liberación.

Friday, 22 February 2013

Innovación para os cinco sentidos

Arredor de 150 empresarios e investigadores déronse cita este venres na Tecnópole para falar de innovación dun xeito aberto e creativo baixo o título 5 Sentidos para Innovar. O obxectivo da iniciativa era estimular sensorialmente aos participantes para finalmente desenvolver neles o sentido da innovación. O Centro de Investigación, Transferencia e Innovación CITI uniuse a esta proposta cun posto no que as persoas interesadas puideron ver os froitos da investigación que se realiza nas súas instalacións e que materializaban moi ben a idea da xornada de que a innovación tamén entra polos ollos, pola vista, polo tacto, polo oído e polo gusto.

Iria Fírvida, responsable da Oficina de Proxectos de I+D+i do CITI, e Beatriz Díaz, responsable da súa planta piloto, foron as encargadas de explicar aos interesados os servizos que ofrece o centro e os grupos de investigación que traballan nas súas instalacións. “Ademais de información xeral do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación, e tendo en conta o carácter dinámico desta actividade, trouxemos varios exemplos concretos de investigacións que realizan os grupos ubicados no CITI”, destacou Iria Fírvida. 

Experiencias reais

Entre outras experiencias, expuxéronse dúas que chamaron especialmente a atención dos asistentes á xornada. A primeira delas é froito do traballo do Grupo de Biotecnoloxía Agroalimentaria da Universidade de Vigo no eido da maceración de licores con novas plantas. Os asistentes podían catar o licor orixinal e posteriormente a bebida xa tratada no laboratorio, apreciando en primeira persoa as diferencias sensoriais existentes. A segunda experiencia, dos grupos de Enxeñaría Química EQ2  e Valorización de Biomasa EQ9 -ambos integrados no CIA3-, amosou aos participantes novos produtos que se poden crear despois do tratamento científico de materiais residuais. En candaseu bote estaban a disposición dos interesados diferentes tipos de materiais de residuo, como zuros de millo ou cáscaras de cebada, e produtos creadores a partir deles, como extractos, pectinas e biocomposites. Un exemplo real co que os investigadore quixeron amosar o traballo que realizan para extraer de residuos bioetanol, biocomposites e alimentos funcionais. 

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus de Ourense; José Ignacio Armesto, director da Área de Emprego da Universidade de Vigo, e José Ángel Vázquez Barquero, concelleiro de Promoción Económica de Ourense, foron algunhas das persoas que se achegaron ata o stand do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación e puideron coñecer de primeira man o traballo que realizan nel os investigadores ourensáns.