Saturday 10 September 2011

Conxugar biodiversidade, desenvolvemento e turismo, o reto dos parques naturais

A catalogación dun espazo natural como protexido trae consigo a necesidade de compatibilizar factores como o coidado da súa biodiversidade e as necesidades da poboación que vive nesa contorna e dos visitantes que se achegan ata alí. Para coñecer as experiencias que neste eido se están a desenvolver en Galicia e para contribuír a mellorar a xestión destes espazos, o campus de Ourense organiza este mes de setembro un curso de extensión universitaria no concello ourensán de Muíños. 

A iniciativa, que terá lugar do 7 ao 9 de setembro baixo o título Os espazos naturais protexidos e a súa xestión, ten como obxectivos amosar os mecanismos de xestión e as diversas experiencias levada a cabo en parques galegos e promover o coñecemento da incidencia que un espazo natural protexido poder exercer sobre a súa área de influenza económica, tendo como marco xeral o fomento das aptitudes e boas prácticas ambientais. “A intención non é só amosar de que xeito se xestionan este espazos senón avanzar en como se pode compatibilizar a xestión da súa biodiversidade, o seu goce por parte dos visitantes e as necesidades de todo tipo que teñen os nativos que viven nelas”, salienta Benedicto Soto, director do curso xunto ao profesor Francisco Javier Rodríguez Rajo. 

Un repaso por todos os graos de protección

Segundo explican os directores da iniciativa para acadar estes obxectivos o programa contará con responsables de parques galegos con diferentes graos de protección, desde o máis alto acadable ata os iniciais. Deste xeito, intervirán José Antonio Fernández, director do Parque Nacional das Illas Atlánticas, e Tomás Merino, responsable do Parque Natural da Baixa Limia- Serra do Xurés. Tamén estarán José Antonio Amoeiro e Antonio Callejo, xestores respectivamente de dúas das reservas da biosfera transfronteirizas galegas, como son a do Xurés-Geres e a do Río Eo, Oscos e Terras de Burón. 

Os asistentes ao curso tamén escoitarán diversas conferencias de profesores da Universidade de Vigo, como son Vicente Rodríguez, María Fernández, Olga Escudero e Eva Barge, nas que se analizarán as especies endémicas na Baixa Limia e as especies invasoras en Galicia. Para completar o programa, os inscritos realizarán unha visita guiada ao Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés e ás termas do Grupo Caldaria, para afondar no turismo termal e o ecodesenvolvemento.

Oportunidades de futuro

Benedicto Soto salienta que a iniciativa, que oferta 50 prazas, está especialmente dirixida aos alumnado de Ciencias, en concreto ao de Ciencias Ambientais, que poden atopar neste sector oportunidades de desenvolvemento profesional. Por este motivo, anímaos a asistir a esta cita no Concello de Muíños, que pon de balde á súa disposición o albergue da localidade para aloxamento e manutención. Unhas facilidade que os directores do curso queren agradecer ao concello ourensán, que cada ano presta a súa colaboración para esta iniciativa.