Monday 17 June 2013

As proteínas de defensa son as dominantes nas uvas pasas

Durante varios anos o Departamento de Química Analítica e Alimentaria da Universidade de Vigo e o Consello Regulador da Denominación de Oirxe Valdeorras traballaron na recuperación do viño doce tostado desta zona, que a principios do século XX aínda se producía de xeito familiar. No marco desa colaboración, a investigadora Noelia Briz estudou por primeira vez como a uva Garnacha Tintorera, da que se extrae esta bebida, e outras variedades autóctonas mudan a súa composición proteica ao ser pasificadas en interior. Pola súa investigación, que foi o seu traballo fin de grao en Enxeñaría Técnica Agrícola, vén de ser distinguida pola Facultade de Ciencias do campus de Ourense co Premio Sonia García Falcón. 

“O meu traballo consistiu en analizar principalmente cal é o perfil proteico da uva Garnacha Tintorera fresca e cal é unha vez pasificada. Deste xeito, realizamos a cuberto nas bodegas de Valdeorras a pasificación dunha mostra durante dous meses e analizamos a súa composición antes e despois de ser sometida a este proceso”, destaca a investigadora. Segundo explica, o feito de que o viño doce tostado de Valdeorras se realice con esta uva pasa determina as características desta bebida e desde o punto de vista investigador era preciso determinar o perfil da materia prima deste produto para poder mellorar as súas cualidades. Mentres realizaba este estudo, comenta Briz Cid, outros membros do grupo analizaron os aromas e os compoñentes polifenólicos, que determinan aspectos como a cor e o amargor, do viño doce para completar a súa análise científica. 

Un aspecto determinante pero nada estudado

Complementariamente ao estudo do caso da uva Garnacha Tintorera, durante a investigación tamén se analizou o comportamento doutras tres variedades de uva vitis vinifera autóctonas de Galicia, como son Albilla, Albariño e Caíño Tinto. Dos resultados, a investigadora salienta que “o que vimos é que se ben no caso das variedades brancas (Albilla e Albariño) non se observaron diferenzas entre as mostras pasificadas e as frescas, no caso das tintas si que se detectaron notables variacións. Antes de ser pasificadas, nelas predominan as proteínas involucradas no metabolismo celular e unha vez transformadas en pasas predominan as proteínas de defensa involucradas na resposta ao estrés que supón a eliminación da auga, como a endoquitinase IV ou a quitinase V”, resume Briz Cid. 

Segundo explica a investigadora, o viño tostado elabórase a partir da selección das mellores uvas que son sobremaduradas a cuberto e esta deshidratación induce modificacións significativas no metabolismo de ditas uvas, ademais de concentrar os xugos, ocasionando un maior contido de azucres. Estas modificacións tradúcense en cambios de aroma e cor con respecto ao viño novo. “É previsible que parte destes cambios estean relacionados con modificacións no proteoma da uva. A caracterización das proteínas da uva é esencial para entender un grande intervalo de procesos biolóxicos, é un parámetro fundamental para comprender os mecanismos metabólicos que teñen lugar durante a maduración da uva. A pesar desta relevancia, ata o momento a evolución do perfil proteico das variedades galegas durante unha das etapas máis críticas na elaboración do viño tostado, como é a pasificación, é un campo sen explorar”, subliña a investigadora, que continúa traballando no Departamento de Química Analítica e Alimentaria baixo a dirección de Jesús Simal.

Tuesday 11 June 2013

De residuos no tratamento da uva a nutrintes para a terra dos viñedos

A perlita e a bentonita son dous residuos minerais que resultan do proceso de filtrado e clarificado do viño. Na súa tese de licenciatura en Ciencias Ambientais, a investigadora Isabel Rodríguez buscou un novo uso a ese material sobrante analizando que beneficios lle aportaba a súa incorporación á terra dos propios viñedos. Por este traballo, vén de ser distinguida pola Facultade de Ciencias do campus de Ourense co Premio Julia Franco á mellor tese de licenciatura do centro. 

“Este premio é un recoñecemento ao traballo de todo o grupo da Área de Edafoloxía e Química Agrícola, do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Universidade de Vigo, no marco do cal fixen este estudo e no que continúo agora realizando a miña tese de doutoramento na mesma temática”, destaca Isabel Rodríguez. Baixo a dirección dos docentes Juan Carlos Nóvoa e Manuel Arias, o seu traballo consistiu en estudar durante seis meses as consecuencias da incorporación á terra dun viñedo do Concello de Castrelo de Miño dos citados residuos minerais. En primeiro lugar, explica, analizouse se a perlita e a bentonita podían, e en que grao, absorber funxicidas e retelos no seu interior. En segundo lugar, estudouse como a incorporación destes materiais afectaba ás propiedades químicas do terreo. 

Primeiros resultados

Segundo os primeiros resultados obtidos e que deron lugar á tese de licenciatura, aínda que os dous residuos teñen capacidade de absorver os funxicidas presentes nos terreos dos viñedos, concretamente o funxicida chamado ciprodinil, a perlita tería unha maior capacidade de retelo no seu interior unha vez absorbido, un comportamento que o faría máis atractivo para o sector. “A adición destes minerais aumenta a capacidade de retención de ciprodinil como consecuencia dos cambios que provocan na composición química do solo”, comenta a investigadora. No que se refire ás propiedades químicas, o estudo conclúe que a aplicación de bentonita ten resultados máis positivos sobre as propiedades químicas do viñedo. “En xeral, algunhas das propiedades como o pH ou o contido dalgúns nutrintes melloran coa adición de ambos residuos, se ben é máis evidente nas mostras de solo enmendadas con residuo bentonítico”, destaca. Ademais, recalca Rodríguez, os resultados descartan o aumento da salinidade do terreo que tipicamente se observa trala aplicación deste tipo de refugallos en solos agrícolas. 

A investigación apunta que algúns destes efectos observados, sobre todo no caso da bentonita, son relevantes para un mellor crecemento da vide, podendo influenciar positivamente na produción da uva e na calidade do viño. “Adicionalmente, a materia orgánica aportada ao solo cos residuos podería aumentar a capacidade de retención da auga no terreo e mellorar a súa estrutura”, comenta Isabel Rodríguez. “Estes son os primeiros resultados nos que agora, coa realización da tese, queremos profundar, sobre todo ampliando o tempo de estudo e probando con diferentes cantidades de residuos na terra, dous factores que son fundamentais nesta investigación”, salienta a investigadora do campus de Ourense. 

“O sector vitivinícola xera unha cantidade moi grande de residuos que supoñen un problema para as propias empresas e para o medio ambiente. Desde a Área de Edafoloxía e Química Agrícola trabállase moito na busca de alternativas de reutilización destes materiais, que son principalmente de tipo agrícola. Con esta investigación queremos tamén afondar noutros materiais de refugallo menos estudados, como son os minerais, e continuar axudando a un mellor desenvolvemento do sector a través da investigación científica”, subliña Rodríguez, que recibiu o seu galardón o pasado venres no acto de graduación do centro.

Monday 10 June 2013

Unha educación ambiental que busca solucións

Alén dunha declaración de boas intencións, a educación e a xestión ambiental son unha alternativa real para solucionar problemas actuais das comunidades. Con esta idea de fondo, o campus de Ourense organizará do 17 ao 19 de xuño un curso de verán sobre Educación ambiental e responsabilidade social que terá como escenario o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Desde este privilexiado enclave, os asistentes afondarán en como o 'ecodesenvolvemento' pode achegar outras opcións a temas como a prevención de incendios, a enerxía ou o turismo. 

Benedicto Soto, responsable da Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo, e Francisco Javier Rodríguez, docente da Facultade de Ciencias, son os coordinadores desta iniciativa que xa é unha tradición na programación de cursos de extensión cultural. “É o decano dos cursos de verán do campus, pois leva celebrándose arredor de 20 anos e aí sigue, lembrando a importancia de apostar pola educación ambiental e polo respecto á natureza”, salienta Rodríguez Rajo. “Neste curso, que terá lugar de novo no Concello de Muíños, tratarase de comprender, dende o punto de vista educativo e científico, as bases do 'ecodesenvolvemento' e de diferenciar os principais enfoques e modalidades de educación ambiental. O obxectivo é promover aptitudes e fomentar o espírito crítico na xestión ambiental, valorando a grande importancia que ten contribuír á conservación da natureza e á protección dos espazos naturais protexidos”, engade Benedicto Soto. 

Axentes do eido público e privado

Entre os participantes no curso deste ano estarán Pablo Penín, responsable provincial de Seaga, que falará sobre a educación ambiental como loita contra o lume, e Miguel Pardellas, directivo da Sociedade Galega de Educación Ambiental, que afondará no estado da cuestión en Galicia. Os enxeñeiros de Gas Natural Joaquín Gómez e Santos Eloy González serán os encargados de intervir sobre o impacto natural das obras de enxeñaría e Fernando Suárez, director de balnearios do Grupo Caldaria, tratará o tema do turismo termal e o medio ambiente. 

A Facultade de Ciencias do campus de Ourense tamén terá unha destaca participación nesta iniciativa. Pedro Araújo, o seu decano, e Gil Garrote, vicedecano, presentarán os estudos en Ciencias Ambientais; e o docente Juan Carlos Mejuto falará da 'química verde'. Ademais de realizar visitas a lugares da contorna de interese, as persoas inscritas terán tamén a oportunidade de coñecer como se xestiona unha reserva da biosfera transfronteiriza como é a da Baixa Limia-Serra do Xurés da man do seu xestor, José Antonio Amoeiro, e do tenente alcalde do Concello de Muíños, Alejandro Castro. “Esta zona é especialmente interesante para acoller un curso de medio ambiente porque está na liña que separa a zona mediterránea da atlántica e por este motivo nela pódense apreciar moi ben as consecuencias do cambio climático e da mala xestión ambiental”, apunta Francisco Javier Rodríguez.

As persoas interesadas en inscribirse neste curso de verán, que ofrece 50 prazas, aínda están a tempo de facelo. O prezo de matrícula é de 60 euros para o público xeral, 45 para o alumnado e persoal docente da Universidade de Vigo e de 30 euros para bolseiros. O transporte, a estancia e a manutención do curso, no que colabora a Deputación Provincial de Ourense, serán de baldes grazas á colaboración do Concello de Muíños e do seu albergue.