Thursday 22 March 2012

"As nanopartículas comezan a afectar á cadea trófica", O investigador luso Mario E. Diniz explica no campus a influencia destes novos materiais na contorna



Cada día máis as nanopartículas e os nanomateriais están presentes en produtos cos que nos relacionamos na vida cotiá. As nanopartículas de dióxido de titanio, por exemplo, son empregadas no leite para darlle a súa característica cor branca. Trátase de novos materiais que se incorporan á industria alimentaria e que polo tanto pasan a formar parte da cadea trófica e a ter influenza na contorna. O investigador luso Mario E. Diniz achegouse esta semana ao campus de Ourense para explicar na Facultade de Ciencias os efectos e toxicidade destas nanopartículas no medio ambiente e nos organismos vivos, especialmente nos mariños.

Docente e investigador da Universidade Nova de Lisboa, Mário E. Diniz, ofreceu esta semana na Facultade de Ciencias unha conferencia titulada Nanoparticles-toxicity to aquatic environments: effects of TiO2, no marco do Ciclo de Conferencias que organiza o centro, a asociación ECOUS e o Grupo Bioscope, grupo que co que colabora nos últimos anos. Tamén participou nas Conferencias do Doutoramento en Ciencias e Tecnoloxía Agroalimentaria, financiadas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Tendo en conta o proxecto estratéxico do Campus do Mar, o docente fixo fincapé durante as súas intervencións na nanotoxicoloxía mariña. 

Unha mellor regulación

“En 2005 había 54 produtos consumibles que contiñan nanopartículas, en 2009 esta cifra ascendía a 1016. O uso destes novos materiais está crecendo exponencialmente nos últimos anos, polo que xa podemos ver a súa entrada na cadea trófica e a súa influencia na contorna”, salientou o docente. Estas nanopartículas, advertiu, unha vez presentes no medio ambiente vanse bioacumulando nos seres vivos e, ao non poder ser expulsadas de novo, van a provocar a longo prazo danos nas células dos afectados, danos que logo entran na cadea alimenticia e transmítense a outros seres vivos, incluído o humano. 

Neste contexto e co auxe da ciencia nano, Mário E. Diniz asegurou que, a pesar de que a Unión Europea é a máis avanzada neste eido, “queda moito por facer en termos de lexislación e de regulación do uso de nanopartículas”. O docente advertiu de que existe unha gran laguna arredor do emprego de nanomateriais e que urxe a súa regulación para evitar que a súa expansión afecte negativamente ao seres vivos. Como exemplo das posibles consecuencias de non controlar a entrada destes materiais na cadea alimenticia, Mário E. Diniz apuntou aos efectos dos disruptores que descargan as estacións de tratamento de augas residuais no medio ambiente e que, entre outras cuestións, están a provocar a femininación de peixes macho.