Friday 22 February 2013

Innovación para os cinco sentidos

Arredor de 150 empresarios e investigadores déronse cita este venres na Tecnópole para falar de innovación dun xeito aberto e creativo baixo o título 5 Sentidos para Innovar. O obxectivo da iniciativa era estimular sensorialmente aos participantes para finalmente desenvolver neles o sentido da innovación. O Centro de Investigación, Transferencia e Innovación CITI uniuse a esta proposta cun posto no que as persoas interesadas puideron ver os froitos da investigación que se realiza nas súas instalacións e que materializaban moi ben a idea da xornada de que a innovación tamén entra polos ollos, pola vista, polo tacto, polo oído e polo gusto.

Iria Fírvida, responsable da Oficina de Proxectos de I+D+i do CITI, e Beatriz Díaz, responsable da súa planta piloto, foron as encargadas de explicar aos interesados os servizos que ofrece o centro e os grupos de investigación que traballan nas súas instalacións. “Ademais de información xeral do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación, e tendo en conta o carácter dinámico desta actividade, trouxemos varios exemplos concretos de investigacións que realizan os grupos ubicados no CITI”, destacou Iria Fírvida. 

Experiencias reais

Entre outras experiencias, expuxéronse dúas que chamaron especialmente a atención dos asistentes á xornada. A primeira delas é froito do traballo do Grupo de Biotecnoloxía Agroalimentaria da Universidade de Vigo no eido da maceración de licores con novas plantas. Os asistentes podían catar o licor orixinal e posteriormente a bebida xa tratada no laboratorio, apreciando en primeira persoa as diferencias sensoriais existentes. A segunda experiencia, dos grupos de Enxeñaría Química EQ2  e Valorización de Biomasa EQ9 -ambos integrados no CIA3-, amosou aos participantes novos produtos que se poden crear despois do tratamento científico de materiais residuais. En candaseu bote estaban a disposición dos interesados diferentes tipos de materiais de residuo, como zuros de millo ou cáscaras de cebada, e produtos creadores a partir deles, como extractos, pectinas e biocomposites. Un exemplo real co que os investigadore quixeron amosar o traballo que realizan para extraer de residuos bioetanol, biocomposites e alimentos funcionais. 

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus de Ourense; José Ignacio Armesto, director da Área de Emprego da Universidade de Vigo, e José Ángel Vázquez Barquero, concelleiro de Promoción Económica de Ourense, foron algunhas das persoas que se achegaron ata o stand do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación e puideron coñecer de primeira man o traballo que realizan nel os investigadores ourensáns.