Friday 18 May 2012

Os investigadores poranse ao día nas últimas técnicas de proteómica

O traballo investigador esixe unha permanente actualización e posta ao día para coñecer as novas técnicas e instrumentos que son de utilidade para cada área de traballo. No caso da identificación rápida de proteínas e biomarcadores e da fluorescencia aplicada a quimiosensores, o Grupo Bioscope da Facultade de Ciencias de Ourense, é un equipo punteiro. Por este motivo, arredor duns vinte investigadores e técnicos estatais e estranxeiros participarán en dous cursos centrados nestas dúas liñas de traballo que ofrecerá este equipo do 12 ao 22 de xuño nos seus laboratorios no campus ourensán.

O primeiro dos cursos leva por título Hands on Course in Ultrafast Sample treatment for Proteomics: From protein identification to quantification e terá lugar do 12 ao 15 de xuño coa asistencia de 12 investigadores de Noruega, Portugal, Francia, Brasil e diferentes universidades españolas. “Neste curso, cun 20% de teoría e un 80% de práctica, explicaremos aos participantes instrumentos ultrarápidos para a identificación e cuantificación de proteínas, concretamente de biomarcadores, e a utilidade do Nano HPLC”, explica Carlos Lodeiro, responsable do Grupo xunto a José Luís Capelo. 

Técnicas concretas, utilidades amplas

A actividade formativa no laboratorio do Grupo Bioscope continuará a semana seguinte, do 19 ao 22 de xuño, coa celebración do II Hands-on Course in Fluorescence and Related Techniques Applied to Chemosensors, que reunirá a arredor dunha decena de investigadores procedentes de universidades estatais e lusas. “Este curso é o segundo ano que o ofrecemos e facémolo motivados polo éxito da anterior edición. Se as sesións do 12 ao 15 de xuño afondan na identificación proteómica, neste caso fano no emprego da fluorescencia en quimiosensores, de grande aplicabilidade na área biomédica e ambiental, para detectar por exemplo a contaminación”, explica José Luis Capelo. 

“É fundamental que os investigadores, a través de iniciativas coma estas, estean en contacto e se formen nas últimas tecnoloxías e técnicas de traballo nos laboratorios e dos novos instrumentos que teñen á súa disposición para avanzar nas súas áreas de investigación”, apunta Carlos Lodeiro. Trátase, destaca, de técnicas moi específicas pero que teñen unha aplicabilidade moi ampla e que afectan a áreas de moito impacto na sociedade, como o medio ambiente e a medicina pois permiten, por exemplo, a identificación rápida de determinadas doenzas ou evidenciar a contaminación dunha zona.