A pequena localidade ourensá de Laias é desde este luns o centro dunha cita de referencia científica internacional, o 2nd International Congress on Analytical Proteomics. O evento reúne a preto de 260 investigadores de 35 países para analizar os últimos avances en proteómica, o estudo a grande escala da estrutura e función das proteínas, fundamental para avanzar no coñecemento, diagnose e tratamento de moitas enfermidades, coma o cancro. Entre os asistentes están os responsables dos centros de investigación máis punteiros no eido internacional en biomedicina, procedentes de países como Estados Unidos, Canadá, Reino Unido, Brasil, Xapón, Suecia, Holanda, Finlandia, Portugal, Arxentina, Noruega e China. Do 18 ao 20 de xullo, todos eles intentarán pór en común os progresos científicos e tecnolóxicos neste campo, intercambiar coñecementos e inquedanzas e establecer canles de comunicación fluídas entre os seus grupos de investigación.
O congreso, organizado en Ourense polo Grupo Bioscope da Facultade de Ciencias, é unha iniciativa da Asociación Científica Proteomass e a revista JIOMICS (Journal of Integrated OMICS), en colaboración nesta edición coa Universidade de Vigo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Durante a súa inauguración este luns, os responsables do Grupo Bioscope e do comité organizador, José Luis Capelo e Carlos Lodeiro, amosaron a súa “satisfacción pola extraordinaria resposta que tivo o congreso na comunidade científica internacional, superando amplamente as expectativas de participantes inicialmente previstas”.
Internacionalizando a Universidade de Vigo
“Ademais desta fantástica resposta cuantitativa, a calidade científica da investigación presentada está á vangarda da proteómica. Por este motivo, desde a Universidade de Vigo, e máis concretamente desde o campus ourensán, estamos tremendamente orgullosos de ver como Ourense se converte estes días no centro mundial desta disciplina”, salientou José Luis Capelo. Ademais, explicou Carlos Lodeiro, estes tres días de traballo permitirán non só un avance no eido da proteómica, “senón tamén un avance na internacionalización da investigación que facemos desde aquí, abríndose novas oportunidades de colaboración e cooperación entre investigadores e centros”.
Para acadar este obxectivo, Mª Victoria Jato, vicerreitora de Investigación e Transferencia do campus de Ourense, foi a encargada de presentar aos asistentes a Universidade de Vigo co desexo de que este evento contribúa “a posicionar a Galicia no mapa internacional da investigación, o talento e o coñecemento”. Neste contexto, salientou a importancia de posicionarse e avanzar na investigación en proteómica, pois “comprender o proteoma, a estrutura e función de cada proteína e a complexidade das súas interaccións, será moi útil para o desenvolvemento de técnicas eficaces de diagnose e para o tratamento no futuro de enfermidades para as que hoxe non hai solución”.
Programa intenso
Trala inauguración oficial chegou o momento de iniciar o programa científico do congreso coa primeira conferencia plenaria a cargo de Marco Aurelio Zezzi Arruda, investigador da Universidade Estadual de Campinas (Brasil) e director da delegación brasileira no evento, a máis numerosa con 17 participantes. Arruda explicou aos asistentes o traballo que está a realizar o seu grupo de investigación en proteómica e convidounos a pór na súa axenda a celebración, en xullo de 2013, da terceira edición do International Congress on Analytical Proteomics en terras brasileiras.
Coa súa intervención abriuse un intenso programa de sesións que traballo, exposicións de paneis e presentacións, onde as conferencias plenarias correrán a cargo de Concha Gil, da Universidad Complutense de Madrid; John Solaro, da University Illinois at Chicago College of Medicine; Juan J. Calvete, do Instituto de Biomedicina de Valencia; Juan Pablo Albar, do Centro Nacional de Biotecnología; Wei Ning Chen, da Nanyang Technological University de Singapur; e Ola Söderberg, da Uppsala University de Suecia.