Tuesday 10 January 2012

Expertos en química física presentarán en Ourense os seus últimos avances científicos

O Encontro Galego de Cinética e Catálise naceu no ano 2008 na Facultade de Ciencias de Ourense como unha cita especializada de investigadores de este eido que se consolidou ao ano seguinte coa celebración de unha segunda edición en Portomarín. Este ano é o momento de dar un paso máis adiante e amplía os seus contidos a outros temas da química física e ábrese á participación de expertos estatais e estranxeiros. Será os días 13 e 14 de xaneiro, cando arredor de medio cento de investigadores se reúnan en Ourense para presentar os seus últimos avances científicos en cinética, catálise e áreas afíns.

A terceira edición do Encontro Galego de Cinética e Catálise, organizado polo Grupo Bioscope e o Grupo de Coloides da Universidade de Vigo, terá lugar no Hotel Laias Caldaria de Ourense e segundo salientan os seus responsables contará coa participación de investigadores en química das universidades españolas de Vigo, Santiago de Compostela, Valladolid, Salamanca, Burgos e Barcelona; as universidades lusas de Lisboa, Braga, Aveiro e Coimbra, e a inglesa de Canterbury. 

Velocidades e aceleración

“Aínda que inicialmente a iniciativa naceu centrada en Galicia e no eido da cinética e da catálise, o importante de esta cita é que se incentivará o seu carácter internacional e que nela se afondará, alén de nas temáticas orixinarias, en aspectos como a química teórica, a bioquímica, a biofísica, a química de sensores e as nanopartículas”, salienta Carlos Lodeiro, coordinador xunto a José Luis Capelo do comité organizador. Sobre a relevancia dos temas a tratar, o investigador apunta que “a cinética analiza as velocidades de reacción en procesos químicos e a catálise estuda como incrementar ou diminuír esas velocidades con produtos engadidos”. Dous aspectos experimentais fundamentais de grande importancia no desenvolvemento dos diferentes aspectos da química. 

Para amosar as últimas investigación e avances en este eido durante o encontro, ademais da presentación de paneis, realizaranse 32 conferencias especializadas que comezarán con unha intervención de Márcia Pêssego, da Universidade de Santiago de Compostela, sobre os surfactantes catiónicos e rematarán con unha conferencia de José Antonio Manso, da Universidade de Vigo, sobre a reactividade de axentes alquilantes na industria alimentaria. 

Unha oportunidade para as novas xeracións

Xunto aos temas abordados e o carácter internacional dalgúns dos relatores, os organizadores destacan que en esta cita se lle quere dar especial protagonismo aos novos investigadores en química. Para acadalo, cada sesión comezará coa participación dun investigador posdoutoral dos diferentes centros participantes, que presentará aos asistentes o seu traballo. “Queremos dar un empuxe e saída ao valioso traballo que están facendo os novos científicos, a sabia nova da investigación”, apunta Carlos Lodeiro. 

Durante o III Encontro Galego de Cinética e Catálise presentarase tamén a publicación Physical Chemistry today Physical Chemistry Tomorrow, que recolle en 32 capítulos os diferentes traballos que se presentarán durante a celebración da cita en Ourense. Un libro, apuntan os coordinadores da iniciativa, moi útil pois recolle os últimos avances en moitas liñas da química física en centros punteiros e realizados por destacados expertos nas materias abordadas.