Saturday 14 January 2012

Investigando para obter procesos químicos limpos, rápidos e eficientes



Conseguir realizar procesos químicos máis limpos, máis rápidos, máis efectivos e máis eficientes. Con este obxectivo traballan os investigadores que este venres e sábado participan en Ourense no III Encontro Galego de Cinética e Catálise. A cita reúne a arredor de 50 expertos galegos, estatais, lusos e ingleses do eido da química física para expor os últimos avances científicos nas súas respectivas áreas de traballo. Entre eles e na primeira sesión de conferencias, o encontro deu un protagonismo especial ao traballo dos novos científicos dos centros participantes, á “sabia nova da ciencia”.

“Un dos nosos retos como investigadores en química física é que os procesos bioquímicos sexan máis rápidos, por unha cuestión de eficacia, e máis limpos, intentando que nas reaccións se xere un só produto, o produto que se busca”, explica Carlos Lodeiro, coordinador do encontro xunto a José Luis Capelo. Acadar este tipo reaccións, destaca Lodeiro, é decisivo para poder desenvolver industrialmente os froitos da investigación. Tal e como salienta, a industria, por exemplo a farmacéutica, precisa que o procedemento para crear un medicamento sexa o máis eficiente posible para que a súa produción e comercialización sexa viable economicamente. 

A puxanza dos novos investigadores

Para dar conta do traballo que se está desenvolvendo nesta liña, o III Encontro Galego de Cinética e Catálise reúne no Hotel Laias Caldaria de Ourense a 50 investigadores en química das universidades de Vigo, Santiago de Compostela, Valladolid, Salamanca, Burgos e Barcelona; das universidades lusas de Lisboa, Braga, Aveiro e Coimbra, e da inglesa de Canterbury. Entre os participantes, os organizadores do evento quixeron dar un protagonismo especial aos novos investigadores, aos que están rematando os seus estudos de doutoramento ou que presentaron a súa tese nos últimos catro anos. 

É o caso de Hugo M. Santos, Carla Santos e Javier Fernández. O primeiro, desde a Facultade de Ciencias de Ourense en colaboración coa Universidade Nova de Lisboa e a Autónoma de Barcelona, estuda o uso da ameixa de río corbicula fluminea para a descontaminación de augas con arsénico. Os asistentes puideron coñecer os bos resultados da súa investigación en laboratorio e como esta ameixa, ademais de eliminar o arsénico da auga, consegue producir unha proteína de defensa para sobrevivir en ambientes con este tipo de contaminante. 

Pola súa banda, Carla Santos, da Universidade de Aveiro, expuxo o seu traballo con materiais fluorescentes aplicados como sensores químicos en polímeros para a detención de contaminantes como pesticidas. Tamén en fluorescencia, Javier Fernández, da Universidade de Vigo, presentou o seu traballo na busca de novos nanomateriais híbridos, froito da unión de sensores químicos de fluorescencia con nanopartículas metálicas.

Durante o III Encontro Galego de Cinética e Catálise presentouse tamén a publicación Physical Chemistry Today Physical Chemistry Tomorrow, que recolle en 32 capítulos as intervencións desta cita co obxectivo de amosar os últimos avances tecnolóxicos e científicos no eido da química física, desde a nanotecnoloxía e a bioquímica ata a química teórica e a cuántica.