Tuesday 26 June 2012

A elite internacional en espectrometría de masas darase cita en Ourense

Cando un tecido precisa ser analizado para identificar nel por exemplo a presenza dunha enfermidade ou dun contaminante, o que habitualmente se fai é unha análise histopatolóxica na que, mediante o tinguido da mostra extraída se detecta a presenza da zona contaminada ou danada. Aínda que é o máis habitual non é xa a técnica máis eficiente e para afondar na súa sucesora, a MALDI-TOF, a elite internacional en espectrometría de masas darase cita en Ourense do 3 ao 5 de setembro. 

A cita será na Ourense Conference on Imaging Mass Spectrometry (OurCon 2012), organizada polo Grupo Bioscope da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, cos seus reponsables Carlos Lodeiro e José Luis Capelo á cabeza, e coa colaboración de Garry L. Corthals, do Turku Centre for Biotechnology de Finlandia, e Liam A. McDonnell, do Leiden University Medical Center, dos Países Baixos. “O importante desta conferencia é que nela se dará cita a elite mundial en espectrometría de masas e que o fará en Ourense, o que supón unha gran satisfacción para nós”, explica Carlos Lodeiro sobre o evento, que dá continuidade á actividade internacional do Grupo Bioscope neste eido, que xa organizou en xullo de 2011 o 2nd International Congress on Analytical Proteomics ICAP, que reuniu en Ourense 260 investigadores de 35 países. 

Coñecer a técnica e as súas aplicacións

Os organizadores do evento, que terá lugar no Hotel Laias Caldaria, salientan que agardan congregar a arredor de 200 profesionais interesados en coñecer os últimos avances na técnica de MALDI e sobre todo nas súas aplicacións, que melloran os resultados de técnicas como a histopatoloxía grazas á análise directa das mostras. Tanto os conferenciantes como os asistentes proceden dun abano moi amplo de países e centros que abranguen desde Xapón ata Canadá. Entre os relatores destaca a participación de especialistas como Isabelle Fournier, da University of Lille, en Francia; Josephine Bunch, da University of Birmingham, en Reino Unido; Markus Stoeckli, de Novartis-Suiza; Pierre Chaurand, da Université de Montréal, en Canadá; Jonathan Sweedler, da University of Illinois, en Estados Unidos; Per Andrén, da Uppsala Universitet, en Suecia, e Ron Heeren, do FOM-Institute for Atomic and Molecular Physics, nos Países Baixos.

A Ourense Conference on Imaging Mass Spectrometry está organizada no marco rede europa Mass Spectrometry Imaging: New Tools for Healthcare Research (COST Action). Por este motivo, durante a cita realizarase unha reunión de dita rede, na que o Grupo Bioscope actuará como representante español e coa que se pretende dar un paso para contribuír ao establecemento desta técnica na investigación clínica e farmacéutica mediante o desenvolvemento de protocolos estandarizados e o fornecemento de recursos e capacitación necesarios para a súa adopción a grande escala.