Thursday 28 June 2012

De Ourense a Dinamarca para loitar contra a contaminación do solo



Grazas ao desenvolvemento da nanotecnoloxía aparecen novos produtos, realizados con nanopartículas e nanomateriais, que son froito da manipulación de átomos e moléculas. Entre eles están os nanopesticidas, nados para mellorar o rendemento dos cultivos pero que, ao igual que os seus antecesores, teñen unha serie de efectos no ecosistema máis alá do seu uso primordial. Pola súa recente aparición, no caso dos nanopesticidas estas consecuencias aínda son descoñecidas. Para avanzar no seu estudo e para poder actuar na súa minimización, o ourensán Marcos Paradelo investiga na Universidade de Aarhus, en Dinamarca. 

Paradelo presentou en febreiro a súa tese de doutoramento no campus de Ourense, realizada coa Área de Edafoloxía e Química Agrícola da Facultade de Ciencias, e desde abril atópase en Dinamarca cunha estadía de investigación FPU no Reseach Centre Foulum, un centro enfocado á investigación en ciencias agrarias, ambientais e produción enerxética. “Vin para este centro porque as liñas de investigación do seu grupo de investigación Sol-it-is estaban moi relacionadas co traballo que fixen na miña tese, na que estudei a mobilidade no solo de distintas formulacións comerciais, pesticidas, empregadas en cultivos agrícolas”, explica o investigador. Aínda que a función do chan máis coñecida é a produción de alimentos, o solo, apunta Paradelo, tamén é fundamental na deposición de residuos, pois actúa como filtro de contaminantes, mantendo a calidade das augas subterráneas ou minguando o impacto do cambio climático, entre outras cuestión.

Presente e futuro

“O traballo que estou facendo agora mesmo é principalmente estudar como os contaminantes, neste caso o cobre, poden afectar ás propiedades físicas do solo, á súa organización e en definitiva á súa saúde e á capacidade de realizar as funcións ecolóxicas que lle corresponden. Estes cambios afectan á mobilidade dos contaminantes dentro do solo e ao seu destino final no medio”, explica o investigador. A elección deste tema débese, destaca, a que o grupo de investigación ao que se ten incorporado en Dinamarca é experto no estudo dos distintos procesos que ocorren nas interfases solo-auga e solo-aire. 

A estadía de Paradelo en Dinamarca remata en agosto pero o investigador continuará no Reseach Centre Foulum cunha bolsa da Fundación Barrié ata decembro de 2014. “O proxecto que teño a partir de xaneiro céntrarase no estudo do comportamento no solo de novas formulacións de pesticidas baseadas na nanotecnoloxía. Estes nanopesticidas teñen un gran potencial á hora de mellorar a efectividade dos tratamentos agroquímicos pero non se coñecen as implicacións, tanto agronómicas como ambientais, que pode levar asociado o seu uso”, apunta Marcos Paradelo. A súa investigación terá como obxectivo coñecer que características do solo poden controlar o movemento e a actividade destes produtos e describir as prácticas agronómicas que poden mellorar a súa efectividade e respectar o medio ambiente. 

Alén de realizar este traballo, o investigador seguirá colaborando co grupo de Edafoloxía da Universidade de Vigo pois, destaca, “a idea é comezar unha liña de colaboración entre os dous centros que espero poida chegar a bo porto. A internacionalización dos grupos de investigación é cada vez máis importante para poder acceder aos recursos, que cada vez son máis escasos, e para tentar facer unha investigación de máis calidade, algo que nos interesa a todos”.

Fuente: DUVI