A biomasa, unha fonte inesgotable de posibilidades. Este é o título elixido polos docentes e investigadores José Luis Alonso e Valentín Santos para o curso de verán que este luns comezou na Facultade de Ciencias do campus de Ourense baixo a súa dirección. Nel recóllese tamén a idea que move esta actividade, amosar como a biomasa, de orixe vexetal e animal, é unha fonte renovable de materia prima que se pode empregar para un grandísimo abano de posibilidades, desde os biocombustibles e os novos materiais ata a alimentación e a farmacoloxía.
“Durante os cinco días que dura o curso afondaremos no potencial da biomasa, da materia orgánica, no eido dos biocombustibles; dos novos produtos e materiais; da microflora intestinal e dos prebióticos; dos antioxidantes naturais e dos usos en industria, eidos que coinciden coas liñas de traballo do noso grupo EQ2 ou que son do noso interese directo”, salientou José Luis Alonso durante a inauguración da iniciativa, á que asistente arredor de 40 persoas e que se desenvolve tanto no campus de Ourense coma no CITI.
O referente dos materiais lignocelulósicos
Para introducir aos asistentes nesta temática, o catedrático da Universidade de Vigo Juan Carlos Parajó foi o encargado de ofrecer unha conferencia na que afondou na situación actual da biomasa e as súas oportunidades de futuro, centrándose nos materiais lignocelulósicos, procedentes dos bosques, a agricultura e os residuos sólidos urbanos (de papelería, por exemplo). Entre os beneficios do uso da biomasa o investigador salientou o feito de que se trata dunha fonte de materia prima “renovable, abundante, versátil, ecolóxica e que ten un custe reducido ou negativo”.
Deste xeito, Parajó explicou que cada ano se xeran nos bosques de todo o planeta arredor de 200.000 toneladas de material que se pode empregar como biomasa e que se renova cada ano. Esta abundancia non só se produce nas zonas boscosas, senón tamén en todo tipo de explotacións agroalimentarias que, apuntou o catedrático, precisan desfacerse de residuos vexetais que producen nas súas actividades e pagan por elo. Por este motivo, a produción de biomasa é barata e practicamente inesgotable.
Outras das características nas que este investigador fixo fincapé foi na versatilidade da biomasa, tanto pola súa orixe (vexetal ou animal), como polo tipo de produtos aos que pode dar lugar (biocombustibles, novos materiais, alimentos funcionais, etc.) como polos diferentes tipos de procesado aos que pode ser sometida. Unha características, apuntou Parajó, que converten a este produto nunha interesante alternativa “aos materiais procedentes de fontes esgotables coma o petróleo” e con moito futuro por diante.